Conta atrás para a Muiñada máis longa
Vimianzo arrincou a conta atrás para a IX edición da súa Muiñada, que se celebrará os vindeiros 19 e 19 de outubro. Unha cita artellada pola A.C. Cherinkas co apoio do Concello e da Deputación, na que a tradición manda, e que poderemos gozar arredor dos muíños do Val vimiancés de cantos de taberna, ruta de sendeirismo teatral, foliada, concertos, gastronomía tradicional, xogos, o afamado campionato de debullada de millo, espectáculos para público familiar e mesmo unha panillada.
Os muíños, os protagonistas
Ao mediodía, a festa trasládase ao Muíño da Gándara, onde se celebra a sesión vermú nunha contorna de gran beleza paisaxística. Dende o Morrazo, Lina e Lola poñerán ritmo coas súas voces e percusión aos grolos e “petiscos do muíño”, a partir das 13h30.
Despois de xantar xa toda a actividade se centra no Muíño da Agra, onde haberá dous palcos diferenciados, o do Tarabelo, onde se concentra a actividade da tarde e serán, e o da Maquía, a noite de concertos, para a que é preciso adquirir entrada.
Unha noite non é nada
“Como di a canción, unha noite non é nada, por iso quixemos que o espírito da Muiñada envolva Vimianzo tamén na véspera para que se traslade a festa máis aló dos muíños” explicou Manuel Rial, da AC Cherinkas. De aí a gran novidade deste ano é que tamén haberá troula n véspera, que terá como protagonistas os Cantos de taberna. Na noite do venres, a partir das 21:00h a música ambientará as rúas e bares da vila creando ambiente antes do día grande da Muiñada.
Nesta edición recupérase a Ruta teatral por Sanfíns e os muíños de Cambeda, que non puido celebrarse o ano pasado polo mal tempo. Un percorrido duns 4 quilómetros pola magnífica paraxe chea de fervenzas, durante a que irán saíndo ao paso do visitante personaxes de época. Será conducida por David Roget e interpretada por mozas e mozos de Vimianzo. Hai prazas limitadas, polo que é obrigatorio inscribirse en cherinkas.org.
Tarde de millo
Unha panillada abre a tarde do sábado, coa AC Nemanquiñas de Vimianzo, en lembranza das xuntanzas de palilleiras que eran o verdadeiro motor da música e do baile na Terra de Soneira. Nestas xuntanzas ao tempo que se traballaba no encaixe, sacábanse as pandeiretas e moceábase.
En paralelo, a partir das 17:00 horas comeza o espectáculo para público familiar “Unha noite no muíño” de Caxoto. O espectáculo do artista da “Trastenda dos Contos” trata precisamente das celebracións que se realizaban despois dos traballos no campo, ou na casa, onde nacían os cantares e bailes.
Unha tarde na leira do millo servirá para revivir desde as xeracións máis novas ás de máis idade os traballos relacionados co millo. Haberá un campionato de debullada de millo.
A música xa non se deterá a partir das 19:00 horas, coa “previa”, o primeiro concerto da tarde da man de Unto Vello, no Palco do Tarabelo. O dúo formado por Xabi Gómez e Bieito Pereira traerá músicas de Galicia e outras tradicións nun dos seus primeiros concertos como grupo.
A clásica Foliada reunirá agrupacións de toda a comarca durante dúas horas de música tradicional á beira do Muíño da Agra. Durante a foliada prepararanse filloas á pedra e servirase a Cea tradicional, tamén con opción vegana, onde a fariña non podía faltar como ingrediente principal.
Ás 22:00 horas a festa trasládase ao Palco da Maquía, con entrada de pago, para asistir á noite de concertos. Será unha oportunidade para descubrir a música das portuguesas Crua, especializadas no toque do adufe, pandeiros que combinarán con outras percusións e coas súas voces con música galega e do país irmán.
Ailá volve á Muiñada, pero cun novo disco que desfrutar. Fecha a noite o grupo De ninghures, que está arrasando nos diferentes festivais cos seus ritmos e sons de raíz galegos e doutros pobos ibéricos e mesmo de Latinoamérica.
As entradas para a Sesión Vermú e a noite de concertos no Palco da Maquía xa están á venda en woutick.es.