mércores. 04.12.2024
El tiempo

Continúan as imputacións en Vimianzo

Continúan as imputacións en Vimianzo
As imputacións non cesan no Concello de Vimianzo. O Xulgado de 1ª instancia e Instrucción N.2 de Corcubión citou onte como imputados o alcalde, Manuel Antelo Pazos, e o tenende de alcalde, Fernando Mancebo, a comparecer o vindeiro 9 de setembro trala denuncia presentada polo arquitecto municipal por temas de persoal. Segundo manifesta Manuel Antelo esta querela "trata enmascarar as corruptelas que se practicaron co anterior goberno municipal, e que teñen o seu expoñente nunha instrucción que se sigue no Xulgado de Corcubión pola realización de obras sen ningún procedemento por máis 800.000€, pola empresa Manuel Rodríguez Lema, na construcción da Casa de Cultura de Vimianzo, sendo o arquitecto municipal o director da obra. Foi este funcionario quen informou fraudulentamente a licenza dunha nave desta empresa en solo rústico, que acaba de anular o goberno municipal, co ditame favorable do Consello Consultivo de Galicia. Ademais, contra este funcionario séguense outros procedementos nos xulgados de Corcubión por diversos tipos delictivos (cobros ilegais, delitos contra a ordenación do territorio, falsidade documental, prevaricación, suborno...). No ámbito das reponsabilidades laborais, estase instruíndo, por outros funcionarios alleos ao concello, un expediente disciplinario contra este arquitecto por diferentes irregularidades no desenvolvemento das súas funcións. O arquitecto municipal é unha peza da estratexia política dos opositores que plantexaron a moción de censura, de acoso e derribo do Alcalde de Vimianzo. De feito, unha das xustificación en que basean a frustada moción de censura que presentaron hai máis dun ano é o expediente disciplinario incoado ao arquitecto municipal". Antelo alega que "diante do fracaso político e social da moción de censura, estes opositores, e a súa contorna política e económica, optaron por interpor unha batería de denuncias penais falsas diante dos xulgados de Corcubión, co único propósito de facer un uso propagandístico e confusionista da imputación dos denunciados, cando, unha vez admitida a trámite a denuncia, os denunciados automática e obrigatoriamente teñen que ser citados como imputados conforme á lei procesual vixente, para comparecer con avogado e procurador". Negacións Desta forma, o alcalde de Vimianzo nega todas e cada unha das acusacións, e asegura que "en canto se sobresea e arquive definitivamente polo xulgado de instrucción a denuncia interposta polo arquitecto municipal, se presentará de inmediato unha querela contra el por denuncia falsa". Pola súa banda, a Central Sindical Independente de Funcionarios emitiu unha nota prensa onde insiste en que "non se pode xudicalizar a vida municipal" e, polo tanto, reiteran que "non van a permitir que se poña en dúbida a profesionalidade de todos e cada un dos empregados, funcionarios e persoal laboral do Concello de Vimianzo".

Comentarios