O despregue do Pendón marca a conta atrás para o Asalto ao Castelo

Xa pendura da Torre da Homenaxe do Castelo de Vimianzo o Pendón coa icónica cabeza de lobo dos Moscoso, símbolo inequívoco de que comeza a conta atrás para unha nova edición do Asalto ao Castelo, que terá lugar os días 4 e 5 de xullo.
Este acto, no que participaron a alcaldesa, Mónica Rodríguez, o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e representantes das asociacións Cherinkas e Axvalso, marca o inicio oficial do Período Irmandiño, que culminará coa representación do ataque á fortaleza.
Durante esta celebración, o municipio mergúllase de cheo na historia con múltiples actividades para todos os públicos que se estenden ao longo de todo o mes. Os días fortes da celebración comezan o venres coa Cea Medieval, que estará amenizada por Suso Xornes e Lupe Blanco, así como coa Cé Orquestra Pantasma. Tamén haberá queimada a cargo de Miguel Queiro.
Coa chegada da noite comezarán os concertos, protagonizados por Che Sudaka, Monoulious DOP e Yava DJ. Na noite sábado, día 5 de xullo, Alana e The Rapants (22:00 horas) servirán de antesala ao gran Asalto ao Castelo, que terá lugar ás 23:30 horas. Posteriormente, continuarán Heredeiros da Crus, Firkin e Mekánica Rolling Band.
A festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, inclúe tamén unha oferta gastronómica singular cos tradicionais Pinchos Irmandiños.
