O festival Vimianzo M.O.L.A. arrinca mañá con moita cor, cultura urbana e literatura

  • Murais, concertos, narración oral e encontros literarios encherán de cultura os espazos públicos de Vimianzo. A primeira edición do festival comeza con actividades centradas na arte urbana e a música.
Vimianzo Mola no Castelo
O festival Vimianzo M.O.L.A. arrinca mañá con moita cor, cultura urbana e literatura

Xa está todo preparado para que comece o Vimianzo M.O.L.A. (Murais, Oralidade, Literatura e Artes), un novo festival que converterá a vila nun espazo de encontro coa arte, a literatura e a creación colectiva. Vimianzo M.O.L.A. nace como un festival único que convida á cidadanía a vivir a cultura dende as rúas ata os libros, das palabras ás imaxes, entre murais, oralidade e historias. A vila de Vimianzo prepárase para converterse, durante máis de dúas semanas, nun auténtico castelo de lenda.

A primeira edición desta cita cultural comezará este venres, 29 de agosto, tralo adiamento por mor da choiva das actividades ao aire libre inicialmente programadas para os días 27 e 28 de agosto, que se moverán para a semana que ven.

A programación espallarase ata o 11 de setembro, tendo como epicentro o Castelo de Vimianzo baixo o lema “Un Castelo de lenda”. 

A ampla programación arrinca mañá venres coa música do grupo de rap en galego Tiam Gz (20h, Auditorio Vimianzo Casa da Cultura) e unha sesión de pinchadiscos con DJ RPC, onde os pratos e vinilos converteranse en instrumentos para a creación sonora en directo. 

A xornada do sábado 30, adicada por completo á cultura urbana con talleres de tatuaxe, skate, rap, breakdance, parkour e o pintado de bolsas de tea, que combinarán arte visual e poesía galega contemporánea, queda adiada ata novo aviso pola mala previsión meteorolóxica. Para información de última hora, pódense consultar as redes sociais do concello.  

Avance da segunda semana: murais, literatura e narración oral no Castelo

Os días 3 e 4 de setembro, se o tempo o permite, elaboraranse os murais XXL e colaborativos en diversas localizacións da vila: a Praza do Concello, o Ximnasio Municipal, o campo de fútbol e Piroga. 
Nestes proxectos artísticos vanse utilizar técnicas innovadoras de pintura sostible que darán cor e unha nova imaxe á vila.

O comezo dos murais XXL e colaborativos previstos inicialmente para arrincar o festival pasaranse aos días 3 e 4 de setembro, e aínda teñen prazas dispoñibles. 

Estes murais serán elaborados con pintura fotocatalítica que axuda a limpar o aire. Os traballos estarán a cargo de artistas recoñecidos como Primo Rodríguez, Rakele Cavallo e Doc Toy, e renderán homenaxe a figuras como Manuel Rivas, Castelao, Evaristo Martelo e o campo da feira de Piroga, en Bamiro.

A partir do xoves, 4 de setembro, as protagonistas serán a literatura, a narración oral e o teatro para o público de tódalas idades. O Castelo será o escenario principal dunha feira de librarías, clubs de lectura, presentacións literarias e encontros con figuras destacados da escena literaria galega e estatal como como Manuel Rivas, Pedro Feijoo ou Ledicia Costas, autores como Pablo Rivero (coñecido tamén por ser un dos protagonistas da serie Cúentame), Amets Arzallus (co-autor do libro máis vendido en éuscaro nos últimos anos), Rebeca Stones (unha das autoras máis vendidas de literatura xuvenil en castelán) ademais de Patricia Blanco, Guadalupe Vázquez, María Canosa, Alba Mancebo, Manuel Rial, Manuel Gago ou Alberto Mancebo. 

Non faltarán tampouco as artes escénicas, con espectáculos para público infantil e adulto a cargo de artistas como Paco Nogueiras, Vero Rilo, Ghazafellos, Mago Teto, Avelino González ou Tanea Caamaño. 

O festival rematará o domingo 7 de setembro cunha xornada especial de clausura que incluirá a representación da Historia Dramatizada do Castelo, a charla “Escribir na Costa da Morte” con Manuel Rivas, e o descubrimento dunha placa conmemorativa no mural XXL que o homenaxea.

Como actividade final extra, o xoves 11 de setembro representarase a obra teatral “Castelao”, de Culturactiva Producións, dirixida a centros escolares, unha actuación enmarcada no eido do Ano Castelao 2025. 

PROGRAMA COMPLETO DO VIMIANZO MOLA

 

programacion_vimianzo_mola_

Comentarios