Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Germán Lema, de Gerca: "Tes aos teu fillos aquí, que van ao colexio aquí, tamén tes aos teus amigos... Entón, cambiar non é unha opción"

German Lema recibindo en Gerca unha expedicion da Deputacion da Coruna
Germán Lema recibindo en Gerca unha expedición da Deputación da Coruña
Germán Lema, de Gerca: "Tes aos teu fillos aquí, que van ao colexio aquí, tamén tes aos teus amigos... Entón, cambiar non é unha opción"

Moitos coñecemos as historias das grandes empresas de éxito como Apple ou Amazon, que antes de crecer ata chegar a internacionalizarse comezaron no garaxe dunha casa. “Case todas as cousas comezan no baixo dunha casa”, comentaba Germán Lema, xerente das empresas Germán y Caamaño S.L. e Gerca xunto co seu socio José Caamaño, pois ambos viviron unha historia semellante (salvando as distancias, claro). Así comezaron ambos os dous nun baixo de Santa Cristina o 16 de agosto de 1996. Hoxe, case 24 anos despois e con centos de traballos, algún deles de tiraxe internacional, non seguen nese baixo de Santa Cristina, pero si na súa casa, a Costa da Morte.

Por aquela época, tanto Germán coma José viñan de estudar soldadura na Universidade Laboral de Gijón, cidade na que viviron xuntos durante 5 anos . Nada máis rematar, cando chegou a hora de poñerse a traballar, de novo ambos foron para a Coruña, aínda que esta vez un foi para unha empresa e outro para outra. Mais chegou un momento no que repararon na situación que estaban a vivir e se dixeron: “Estamos na Coruña, temos que vir, marchamos da nosa zona... E se montamos alí unha carpintería pequeniña? E así foi”, explica Germán Lema nunha conversa que tivo con QPC, falando sobre os seus inicios.

Deste xeito naceu Germán y Caamaño S.L. Ao principio empezaron facendo mobiliario, algúns portais... e incluso soldando pezas para a empresa que acollera primeiramente a Germán nada máis rematar os estudos. “Foi unha empresa que nos axudou a meternos no mundo de empresa. Sempre foi un apoio para nós. A relación co meu ex xefe é excelente e débolle moito porque nos axudou moitísimo a comezar as nosas andaduras coma empresarios”, afirma Lema, pois nunca deixaron de fabricar mobiliario para esa empresa e a día de hoxe aínda seguen facéndoo.

Oficina Gerca
Varios traballadores na oficina da sede de Gerca, no polígono de Vimianzo.

Proxectos cada vez máis grandes

Pouco a pouco a empresa foi avanzando, foron buscando novos clientes e novos traballos ata que a finais dos noventa chegou o primeiro gran proxecto: a fabricación dos peches das antenas de telefonía móbil para todo o rural de Galicia e parte de León e o País Vasco. “Aí xa tiñamos creo que un par de empregados e despois con ese traballo foi onde comezamos a contratar a máis xente. Non recordo agora cantos seríamos pero ao mellor uns 12-15 xa”, comentaba Germán tratando de recordar aquela época.

Gerca acero y metal

Os anos posteriores, coa construción, tamén foron anos moi prósperos para a empresa, onde realizaron moitos traballos como varandas e pasamáns. “Fixéronse quilómetros de varandas”, afirmaba Lema entre risas. Mais no 2007 volveron dar un paso importante ambos socios coa creación de Gerca Acero y Metal, a súa segunda empresa, creada exclusivamente para a fabricación de mobiliario.

Con Gerca naceu tamén posteriormente Küpu, a súa propia marca de mobiliario de alto nivel. Un proxecto único que os levou a moitas partes do mundo como Estados Unidos ou México e os mobles de Küpu ata chegaron á India. Segundo explica Lema, “fomos incluso expoñer unha vez a París a unha feira de mostras onde eles elíxenche a ti. Aí compites coas mellores firmas de todo o mundo en deseño e alí estivemos, de lado dos máis grandes”.mobililario kupu

Crecendo, pero sempre na Costa da Morte

Hai aproximadamente 3 anos, vendo que as súas instalacións en Vilaseco quedaban escasas para as dúas empresas, decidiron apostar por construír unha sede propia para Gerca Acero y Metal no polígono industrial de Vimianzo, con dúas naves equipadas con maquinaria de última xeración. Chegados a este punto, moitas empresas preferirían abandonar o barco e mudarse en busca dun beneficio maior, mais cando preguntamos a Germán pola posibilidade de cambiar de zona, a súa resposta foi contundente: Non.

“Si que nos ofreceron marcharnos para Portugal, porque a produción alí sae máis barata. Dábannos apoios e incluso nos financiaban, pero decidimos que non. Outro destino que se mirara antes de comprar aquí tamén foi Carballo. O prezo do terreo está moito máis barato pero encóntraste co problema de que tes que desprazarte e desprazar aos empregados, e non era unha opción que nos gustase moito. Non temos pensado cambiar nin nada, seguiremos coa empresa mentres haxa traballo”, afirma Germán.

Unha decisión que obviamente repercute no seu beneficio económico pero que, segundo Lema, “compensa, compensa moito. Se estás situado aí gañas máis, pero xa non estás no teu pobo. A nós sempre nos tirou moito esta zona, tes aos teu fillos aquí, que van ao colexio aquí, tamén tes aos teus amigos... Entón, cambiar non é unha opción. Gañas menos, pero gañas moito en calidade de vida”, afirma o vimiancés.

Un traballador con maquinaria de corte por láser de última xeraciónUn traballador con maquinaria de corte por láser de última xeración, única en toda a zona.

A pesar da súa gran inversión e de facer unha aposta arriscada ao quedar en Vimianzo, Lema asegura que todo está a ir segundo as expectativas. Ademais a localización non foi un impedimento para seguir crecendo, pois no 2015 conseguiron chegar incluso a nivel internacional, fabricando o mobiliario para unha empresa con representación mundial.

Un persoal moi novo

Alá polo 98, cando comezaron a coller xente, a maioría eran persoas da contorna. “Daquela unha persoa de Carballo non che viña pedir traballo aquí, pedían os das aldeas da volta de toda a zona, non só Vimianzo”, indica Germán. Algúns deles remataron marchando a outro sitios, como sempre pasa, pero hai moita xente que segue con eles dende o principio.

Mais a medida que a empresa foi crecendo e precisaron de persoal, sempre estiveron ofrecendo convenios cos colexios para que realicen as prácticas na empresa e “despois esa xente, se vemos que é boa ou que pode chegar a ser boa, queda na casa”, afirma Lema. É por iso que gran parte do persoal adoita ser moi novo, pois este sería o seu primeiro emprego.

IMG_5176

Seguindo un pouco os pasos da empresa que acolleu nos seus inicios a Germán, este declara que “sempre collemos xente moi nova con programas relacionados co estudio e dase unha oportunidade a esa xente, pois igual que ma deron a min”. Unha boa forma de coñecer novos traballadores que poidan valer para o posto por un lado, e darlle a oportunidade á mocidade que sae da escola ao mundo laboral de amosar todo o seu potencial.

Novas relacionadas

Comentarios