O Asalto, candidato a Mellor Festa nos Iberian Festival Awards
Con orgullo e satisfacción acollen en Vimianzo, a participación na finalísima dun premio internacional. Por primeira vez o Asalto ao Castelo de Vimianzo opta á categoría de Mellor Festa nos Iberian Festival Awards, un certame que premia a organización e outros aspectos de festivais de toda a península Ibérica.
O Asalto ao Castelo de Vimianzo está nomeado a Mellor Festa, trala súa longa traxectoria moi preto xa das trinta edicións, e nun ano de gran éxito no que se conseguiu reunir a máis de tres mil persoas nun xa histórico concerto de Manu Chao.
Como votar
Para poder conseguilo ábrese un período de votacións na plataforma online talkfest.eu/2025-nominees onde se poderá encontrar o Asalto na categoría “Best Festivity” ao lado doutras propostas da península Ibérica. Pode votarse, abaixo de todo, unha vez por día, até o 17 de xaneiro. O resultado final darase a coñecer o 15 de marzo nunha gala de premios que terá lugar en Almancil (Loulé), Portugal.
A festa vimiancesa compite con
- Alma do Vinho (PT)
- Carnaval de Loulé (PT)
- Carnaval de Torres Vedras (PT)
- Expofacic (PT)
- Feira da Ascensão (PT)
- Feira de São Mateus (PT)
- Feira Nacional de Artesanato (PT)
- Festa do Marisco de O Grove (ES)
- Festas do Mar (PT)
- Monsantos Open Air (PT)
Os Iberian Festival Awards son uns premios anuais que celebran os mellores festivais de música en Portugal e España. Son unha iniciativa da APORFEST - Asociación Portuguesa de Festivais de Música, en colaboración coa española AFE - Asociación de Festivales de España. O obxectivo principal é recoñecer a excelencia e a innovación na industria dos festivais de música ibéricos, premiando os mellores en
diversas categorías. Na última edición foron recoñecidos festivais como o Bilbao BBK Live, o Meo Kalorama, ou os galegos SonRías Baixas, O Son do Camiño ou Ribeira Sacra.