Venres. 26.04.2024
El tiempo

O Goberno vimiancés anula a licencia dunha nave da empresa do irmán do ex alcalde

O Goberno vimiancés anula a licencia dunha nave da empresa do irmán do ex alcalde

A Xunta de Goberno Local de Vimianzo, na sesión do 30 de decembro, acordou "anular parte da licenza concedida polo anterior goberno para a nave da empresa Manuel Rodríguez Lema SL, da que é apoderada a concelleira de IxV Mónica Rodríguez, por estar situada en solo rústico de protección ordinaria". Así nolo explica o grupo do BNG vimiancés, que considera que "o anterior goberno, sendo concelleiro de obras o Sr. Rodríguez Blanco, concedeulle unha licenza ilegal para favorecer a esta empresa".

Apuntan que "o proceso de anulación fíxose con todas as garantías, dándolle audiencia e remitindo o expediente ao Consello Consultivo de Galicia, que se pronunciou favorablemente á decisión de anular a licenza. O ditame do Consello Consultivo é decisivo e vinculante e a reslución conleva o cese inmediato da actividade ilegal desenvolvida nesa nave".

Explican dende o grupo de goberno que "para a concesión desta licenza, na memoria presentada pola empresa no concello, a nave estaba ubicada en solo de núcleo rural, cando na realidade esta se atopa construída en solo rústico e a máis de 100 metros do lugar de ubicación que consta no plano presentado na memoria. Posteriormente, fíxose unha visita de comprobación polo arquitecto municipal, Julio Vázquez Rodríguez, e asinouse unha acta verificando a realidade sobre o terreo do recollido no plano da memoria presentada para a concesión da licenza. A actividade desenvolvida na nave permítese en solo de núcleo rural, mais a LOUGA non o permite en solo rústico".

Polo tanto consideran que "a actuación do goberno municipal actual faise en defensa dos intereses públicos e da legalidade, poñendo de manifesto unha práctica de presunto fraude e connivencia entre empresa, goberno e técnico municipal na concesión desta licenza". O Alcalde de Vimianzo considera que "a lei ten que ser igual para todo o mundo e non está ben que algunhas empresas se viñeran beneficiando das relacións de parentesco e doutro tipo entre o goberno anterior e técnicos do concello".
E vai máis alá o Alcalde, que considera que "Mónica Rodríguez debería dimitir por incorrer en presunto fraude, prevaricación, falsidade documental e delitos contra a ordenación do territorio en beneficio da empresa familiar e dos intereses persoais". Manuel Antelo "estuda posibles actuacións de índole xudicial para salvagardar os intereses municipais, nomeadamente os económicos, dos que esta empresa xa se ten beneficiado noutras ocasións, como por exemplo na Casa da Cultura".

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Grupo de Goberno do Concello de Vimianzo.

Comentarios