Xoves. 02.05.2024
El tiempo

O grupo de goberno vimiancés estudia a legalidade dunha nave do líder do grupo censor

O grupo de goberno vimiancés estudia a legalidade dunha nave do líder do grupo censor
A Xunta de Goberno Local do Concello de Vimianzo vén de iniciar a revisión de oficio dunha licenza municipal concedida á empresa Manuel Rodríguez Lema polo anterior goberno municipal, presidido por Alejandro Rodríguez Lema, sendo concelleiro de Obras e Urbanismo, Rodríguez Blanco. E segundo informa, procede á revisión "tralas denuncias verbais de varios veciños e veciñas ao respecto dunha nave construída no monte de Calo na que se desenvolve unha actividade non autorizada en solo rústico e na que se realizaron grandes movementos de terra". Así, o goberno municipal do concello de Vimianzo comprobou que "a licenza que se lle concedeu no seu día á citada nave fíxose porque no proxecto se situaba nunha ubicación distinta á que se atopa na realidade, xa que no proxecto consta que a nave se ubicaba no núcleo rural de Calo cando realmente estaba xa unha parte construída en solo rústico". A esta situación, o grupo de goberno declara que "a concesión irregular desta licenza, polo goberno do irmán do empresario e do sr. Rodríguez Blanco, fíxose logo de que asinaran unha acta de comprobación dona Mónica Rodríguez Ordóñez, como representante da empresa, e o arquitecto municipal, falsificando sobre o papel a realidade física da contorna onde estaba construída unha parte da nave".< Logo das pertinentes visitas de comprobación realizadas por persoal do servizo municipal de urbanismo e pola policía local, comprobaron que "a nave está ubicada a máis de 200 metros do núcleo rural de Calo, atopándose toda ela en núcleo rústico e desenvolvendo unha actividade totalmente prohibida neste emprazamento". O goberno municipal sinala ademais que "nos últimos tempos se realizaron na mesma traballos de ampliación e grandes movementos de terra, prohibidos en solo rústico". Solicitados diferentes informes xurídicos por parte do goberno municipal, manifestando os mesmos a ilegalidade desta licenza, nos próximos días notificaráselle o acordo adoptado na Xunta de Goberno Local ao empresario e seguiranse os trámites previstos pola lei coa revisión do expediente polo consello consultivo. E poder ir máis alá, pois o Alcalde "non descarta presentar unha denuncia por falsificación de documentación por parte da actual concelleira dona Mónica Rodríguez Ordóñez e do arquitecto municipal, que subscribiron unha acta de comprobación que sitúa a nave a 200 m. do lugar onde se atopa na realidade, e nun tipo de solo diferente urbanisticamente ao sinalado na licenza".

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Grupo de Goberno do Concello de Vimianzo.

Comentarios