#SALVACADELOS
As “salvadoras” conciencian sobre o abandono de animais
Este sábado terá lugar unha nova edición da comprometida Muiñada de Vimianzo. Unha cita que vai máis alá da música, e da posta en valor do patrimonio recuperado, como é o Muíño Tras da Agra. Unha cita que pretende concienciar sobre o abandono de animais, coa presencia da iniciativa Salvacadelos e de XEA Xestión Ética do Abandono.
Xa falamos en primeira persoa coa principal coidadora de Salvacadelos, Silvia Souto, veterinaria na Clínica Argos. Hoxe queremos mirar ao outro lado da comunidade: ás “salvadoras” e os “salvados”.
Vicky Fernández é unha vimi-uruguaia tremendamente sensible co abandono de animais da comarca, de aí que propuxera ás xentes da organizadora AC Cherinkas a creación deste espazo de reflexión para visibilizar a problemática e concienciar sobre o abandono dos animais”. Meu dito, meu feito. Os Míchel e compañia non dubidaron en poñer a cousa a andar.
Vicky non quere protagonismos, pero en realidade ela é unha pata fundamental da comunidade virtual de Salvalcadelos, como o son as 5.000 persoas que comparten cada día as novas de animais abandonados na zona. “Eu non son ninguén, os heroes son as xentes de Argos como Silvia ou Pablo”, explica.
Pero Vicky, como outros centros de Salvadoras, dan sentido a todo isto. “A xente ás veces pensa que ti sacas algo con isto e a realidade é que eu estou deixando o meu tempo e os meus cartos nalgo que outra persoa debería facerse unha verdadeira responsable”, explica, despois de “darlle a man a 4 almiñas, que non teñen voz pero si moitos sentimentos“ a través de Salvacadelos e outras plataformas. “Chego a ter unha casa e non me chega a leira para ter todos os bichos”, recoñece entre risas dende o seu ateigado piso.
Cóntanos a historia de cada unha das “almiñas” que acolle. “Chiquito é un cadelo maior, típico que ninguén quere por pretextos como que “non se adapta”. Atopeino un día chovendo, pola noite saíndo do teatro da casa da Cultura, como un “bollito”. Veu para acá. Quixémolo denden o principio é é un amor a pesar de que agora está cego. Acostumouse nunha semana a facer as cousas fóra e sen ningún problema. Son excusas esas cousas, sempre…”
”Mía é unha setter, carne de cazadores. Un domingo volvía dunha carreira, e vina desorientada en Baíñas. Intentei collela pero non puiden. Levaba un mes detrás dela e un día apareceu en Vimianzo, un día puiden ir a rescatala. Tiña terror á xente. Dinme conta polo trauma que pasan algúns deses animais cando viven a realidade dos cazadores. Acostumeina á xente levándoa aos partidos de fútbol, para que vise que a xente é boa. Non sabía nin mexar, mexaba correndo… Agora leva 10 anos comigo.”
”O Pointer, Lucus é e será sempre o benxamín da casa, tamén desfeita dos cazadores. Non lles serviu e me fun por el a Lugo… e non me arrepinto. Outro anxeliño, outro ser especial. Pero segue tendo moito medo. O outro día iamos polo monte (ese é outro tema porque non podemos saír a pasear por culpa dos cazadores), viu aos cazadores e saíu correndo e tiven que correr tras del.”
NOVAS RELACIONADAS
- Vimianzo prepárase para unha tradicional Muiñada.
- Salvacadelos: 12 anos expandindo a rede de adopción.
- XEA: “É moito máis barato facer que baixe o abandono, que asumir a situación actual”.