venres. 06.12.2024
El tiempo

Un concurso xornalístico para divulgar a arqueogastronomía soneirá

Un concurso xornalístico para divulgar a arqueogastronomía soneirá
arqueogastronimia

Ademais do completo mes de setembro prantexado para os hostaleiros, o Concello de Vimianzo, a través da iniciativa “Do mar á terra”, vén de convocar o “Concurso de artigos xornalísticos sobre arqueogastronomía Concello de Vimianzo”. Un concurso no que comunicadores irán da man dos propios cociñeiros-investigadores, para divulgar a cultura gastronómica da zona, recuperando as receitas máis tradicionais e auténticas.

Un xeito de impulsar a posta en valor da riqueza da zona, as súas características, as súas raíces e as súas posibilidades como elemento diferenciador, que converten a Vimianzo na capital da gastronomía castrexa da Costa da Morte. I é que no ADN de Vimianzo está presente a pegada da historia. Dende os castrexos aos habitantes do castelo vimiancés ou da fidalguía e nobreza que deron nome aos numerosos pazos presentes na contorna, existe unha fonda relación cos hábitos alimenticios e o mar. Segundo diferentes investigacións arqueolóxicas, nos nosos castros hai restos que proban o consumo de moluscos ou mariscos que proceden do mar e dunha pesca absolutamente artesanal e incluso rudimentaria.

Con isto preténdese brindar a oportunidade ao comensal de experimentar unha viaxe no tempo a través dos sabores e as texturas que, como patrimonio e acervo cultural, quedaron acubillados no silencio dos restos arqueolóxicos que atopamos na terra soneirana.

“Concurso de artigos xornalísticos sobre arqueogastronomía Concello de Vimianzo”

Este certame premiará os mellores traballos xornalísticos publicados no ano actual que destaquen calquera tipo de aspecto positivo relacionado coa gastronomía tradicional vencellado á historia, ao mar da Costa da Morte ou á arqueogastronomía galega –disciplina que estuda os hábitos alimenticios ao longo da historia ou pon en práctica receitas ou o uso de ingredientes culinarios xenuínos a raíz da información obtida nos restos arqueolóxicos-.

Os traballos, que se poden presentar en calquera formato, deberán entregarse no Rexistro Municipal en horario de atención ao público ou a través de correo certificado ata o 30 de decembro de 2013 ás 14:00 horas.

Os premios serán unha figura de artesanía costeira para o gañador e dous diplomas, ademais dunha degustación dun menú castrexo para dúas persoas nalgún dos establecementos vinculados á rede hostaleira de "Vimianzo. Do mar á terra".

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios