Un vimiancés sobe aos altares
08:32 07/11/15
A nova imaxe do beato Carmelo Juan Pérez Rodríguez xa está en Vimianzo
Non todas as parroquias teñen o privilexio de contar entre os seus feligreses a un santo. A parroquia de San Vicente de Vimianzo é unha desas afortunadas e este domingo 8 de novembro, ás 12:00 da mañá, bendirá a imaxe dun fillo desa terra: o beato Carmelo Juan Pérez Rodríguez, nacido en 1908 nesa localidade.
O ilustre vimiancés, profesou como relixioso salesiano (congregación dedicada especialmente á educación cristiá dos mozos, fundada por san Juan Bosco), no ano 1927. No ano 1933 foi enviado polos seus superiores a cursar estudos en Turín (Italia), o berce da súa congregación. Alí permaneceu tres anos. Logo da súa ordenación de subdiácono, foille permitido regresar á súa terra para pasar unha tempada de vacacións coa súa familia.
Pero os sucesos daquel tempo impediron o seu retorno á terra, xa que ao chegar a Madrid foi detido e máis tarde posto en liberdade. Logo de meses vivindo escondido, foi martirizado xunto con outros compañeiros o 1 de outubro de 1936. Descoñécese o lugar da súa tumba.
Logo dunha exhaustiva investigación, que puxo de manifesto que morreu polo feito de ser relixioso, sen ter ningunha intervención nos acontecementos políticos do noso país (xa que se atopaba no estranxeiro), foi beatificado polo Papa Benedicto XVI, o 28 de outubro de 2007.
A beatificación é a cerimonia na que se permite o culto a unha persoa, neste caso un mártir, nalgúns lugares especialmente designados para iso, considerándose o paso previo para a canonización, na que o novo santo poderá ser venerado en calquera lugar da Igrexa universal.
Unha nova imaxe do Santo en Vimianzo
Vimianzo recordará a este fillo seu, que recibiu o bautismo na parroquia e dedicou a súa vida aos demais, dando testemuño co seu sangue da súa fe en Cristo, coa bendición dunha imaxe -realizada nos talleres de arte "Martínez" de Horche (Guadalajara), que será colocada nun novo retablo da Igrexa parroquial- para significar así que este vimiancés, que xa forma parte do catálogo dos mártires da Igrexa, escoitará as oracións dos fieis e dará testemuño coa súa figura da fortaleza da súa fe. A cerimonia de bendición da nova imaxe e do novo retablo terá lugar o domingo 8 de novembro ás 12:00 h. e será presidida polo Excmo e Rvdmo. Sr. D. Jesús Fernández González, bispo auxiliar de Santiago de Compostela e estará acompañado por unha representación da provincia Salesiana e polo párroco de S. Vicente. Logo sairá a procesión coa nova imaxe do Beato Carmelo Juan ata o cruceiro de Tedín. Alí esperaralle a imaxe doutro Beato, Frei Diego de Cádiz, imaxe que está na capela de Trasouteiro, que ten gran devoción no lugar. Encontraranse pois as dúas imaxes dos Beatos que gardan relación coa parroquia, o primeiro por filiación e o último por adopción. Retablo restaurado da Igrexa de San Vicente de VimianzoFonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Daniel Turnes.