Luns. 03.08.2020
El tiempo

Vimianzo acolle a presentación do libro "Lendas da Costa da Morte" de Xan Fernández Carrera

Vimianzo acolle a presentación do libro "Lendas da Costa da Morte" de Xan Fernández Carrera
Despois do seu paso polas I xornadas do libro infantil e xuvenil de Cee, Xan Fernández Carrera presenta o seu libro "Lendas da Costa da Morte" en Vimianzo. O acto - organizado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte - terá lugar mañá ás 2o:30 horas na sala de conferencias da Casa da Cultura de Vimianzo. Ademais do propio autor do libro, intervirá Xosé Mª Lema Suárez, presidente do Semescom. A publicación foi editada pola editorial Edicións Embora, na súa colección Costa da Morte e presentada por primeira vez na Praza dos Libros de Carballo, no pasado mes de xullo. Nela faise unha recompilación das lendas máis coñecidas da Costa da Morte agrupadas en oito apartados: Pedras, Augas, Montes, Furnas, covas e túneles, Flora e fauna, Restos históricos, Lendas haxiográficas e Outras lendas. Ademais de recoller aqueles relatos lendarios dos lugares máis míticos da xeografía da zona coma o onte Neme, cabo Santo Hadrián, punta da Barca, cabo Fisterra ou monte Pindo, pretende informar sobre aqueles elementos que motivaron a creación das lendas e o por que da aparición das mesmas nestes espazos da nosa xeografía; así como daquelas prácticas ou rituais que se realizaron arredor deles ou que aínda se conservan na actualidade. Segundo indican dende o Semescom, moitos destes nosos mitos ou lendas están vinculados a lugares sagrados relacionados con antigos cultos pagáns, cristianizados máis tarde e que deron lugar á creación da maioría dos nosos santuarios actuais. A obra está prologada polo escritor e investigador lugués - Antonio Reigosa - un dos impulsores do sitio web Galicia Encantada, a maior recompilación da mitoloxía galega. Este autor define o libro como “pousadoiro para reflexionar sobre o valor imprescindible dos nosos mitos, e para chamar a atención sobre a necesidade da súa protección e divulgación”. Novas relacionadas Fonte  

comentarios