Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Vimianzo acolle outro Encontro Europeo sobre patrimonio

Encontro Proxecto Eusave en Vimianzo
Vimianzo acolle outro Encontro Europeo sobre patrimonio

Continúa avanzando o proxecto Europeo #EuSAVE - Citizens’ action for Smart Historic Villages, no que participa o Concello de Vimianzo. Se a expedición vimiancesa xa participou nunhas xornadas en Bélxica ou en Croacia, esta semana tócalle ser anfitriona do “6º Encontro Internacional sobre estratexias de desenvolvemento de vilas históricas da UE.

Dende onte e ata o venres 1 de xullo, representantes do consorcio de oito países (Italia, Croacia, Bélxica, Portugal, Bulgaria, Macedonia do Norte, Letonia e Vimianzo), participan nos faladoiros co obxectivo de “crear unha rede de vilas históricas europeas intelixentes que aumente a implicación e a participación dos cidadáns na vida socioeconómica das súas localidades, promovendo accións de compromiso social e definindo estratexias de desenvolvemento local baseadas nas oportunidades que ofrece o patrimonio cultural material e inmaterial deses territorios históricos, como activos para o crecemento rural intelixente, sustentable e inclusivo da UE”.

Encontro Proxecto Eusave en Vimianzo 1

Xornadas abertas

A Xornada transnacional de portas abertas do día 30, que terá lugar na Casa da Cultura de Vimianzo, comezará ás 12:00, despois do momento previsto para o rexistro dos participantes, coa presentación do proxecto e os seus resultados en cada país socio, cun itinerario virtual por cada territorio e polas leccións aprendidas. A continuación, o especialista en patrimonio cultural Manuel Rial Santos falará sobre «O patrimonio cultural de Vimianzo: desde os dolmens ata a actualidade».

A xornada proseguirá a partir das 16:30 cun relatorio titulado «O Camiño de Santiago en Galicia e a Costa da Morte», a cargo do xornalista e historiador Antón Pombo, e cunha mesa redonda que acollerá tres puntos de vista sobre o patrimonio rural: Jesús Picallo (vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia) falará sobre as iniciativas de posta en valor do patrimonio cultural na Costa da Morte; Francisco Xabier Almuíña Chorén (presidente de FEGATUR) fará o propio coa importancia do patrimonio no turismo rural; e Alexandra Seara Sobrino (xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra) disertará sobre as iniciativas de posta en valor do patrimonio cultural na Ribeira Sacra.

NOVAS DO PROXECTO EUROPEO EUSAVE

Comentarios