SEA sobre o enlace do Polígono de Vimianzo: "A Xunta non pode eludir as súas competencias"

Continúa a pelota pasándose de tellado en tellado e os de sempre seguimos esperando polas administracións. Hai 15 días a Xunta facíalle unha proposta ao goberno central: “eu invito, ti pagas”. A Xunta segue considerando que ao ser o polígono de Vimianzo unha infraestrutura de Suelo Empresarial do Atlántico, debe ser esta a que o dote dos enlaces.
Pola contra, SEA vén de responder a esta carta, “clarificando que a Autovía da Costa da Morte e os seus enlaces son de competencia autonómica”.
SEA argumenta que “xa executou na súa integridade o proxecto sectorial e de urbanización ou obras públicas” do polígono, polo que “a asunción e o financiamento dos gastos do enlace de referencia non son esixibles legal e xuridicamente a esta sociedade”.
Sinala que “o enlace previsto, concreta, non forma parte dos instrumentos de ordenación do territorio, nin de urbanización, senón que se enmarca en instrumentos ou proxectos de estradas suxeitos á lexislación sectorial na materia e, polo tanto no caso dunha Autovía de competencia autonómica, é unicamente responsabilidade do responsable deste vial”.
Alarma que “existe abundante Xurisprudencia que reforza a posición de SEA”, ao tempo que lembra a “necesidade deste enlace” e que se ofrece para “cooperar e colaborar”. “A Xunta de Galicia non pode eludir o exercicio das súas competencias e non se pode obstruir o exercicio lexítimo das competencias constitucionais e estatutarias”.
A Xunta contempla no proxecto o enlace co polígono, pero non quere afrontar a súa execución
Vía de Altas Capacidades
Cómpre lembrar que xa non falamos de Autovía, senón de Vía de Altas Capacidades, porque a Corredor (que é como se lle chama as vías como a proxectada) ten moi mala fama, pola cantidade de accidentes rexistrados durante esta década no corredores da zona das Rías Baixas, que mesmo obrigou a desdoblalas.
Novas relacionadas
- 03-07-2020: A Xunta devolve a pelota: Que o enlace do Corredor co Polígono de Vimianzo o pague o goberno central.
- 26-06-2020: O Concello de Vimianzo tamén presenta alegacións para que a Xunta reconsidere a problemática do corredor.
- 22-06-2020: SEA presenta alegacións para que a Xunta asuma a súa competencia e faga o enlace co polígono de Vimianzo.
- 18-06.2020: A alcaldesa de Vimianzo solicita unha xuntanza coa Xunta para reactivar o Corredor .
- 26-05-2020: A Xunta insiste en que o enlace co polígono de Vimianzo é responsabilidade do goberno central.
- 26-05-2020: SEA formulará alegacións para que a Xunta asuma o enlace do Corredor co Polígono de Vimianzo.
- Febreiro 2020: Anunciada a ampliación da “Vía de Altas Prestacións”, con saída pero sen enlace co polígono de Vimianzo.