domingo. 01.06.2025
El tiempo

Vimianzo propón un programa de conciliación para este verán repleto de aventuras, cociña e astronomía

CLAUSURA VIMIVERÁN 2024
Imaxe da Clausura do Vimiverán do ano pasado
Vimianzo propón un programa de conciliación para este verán repleto de aventuras, cociña e astronomía

O Concello de Vimianzo impulsa, un ano máis, un completo programa para os campamentos ‘Vimiverán’ 2025, cos que se busca favorecer a conciliación familiar.

A iniciativa, unha proposta lúdica para que os rapaces e rapazas poidan aprender xogando, desenvolverase de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas. Ademais, en Vimianzo ofrecerase un servizo de madrugadores, para aqueles casos nos que sexa necesario para favorecer a conciliación laboral e familiar, en horario de 8:00 a 10:00 horas.

As persoas interesadas poderán presentar a súa preinscrición tanto de meneira telemática ou na Casa da Cultura desde o día 10 ata o 17 de xuño. Terán preferencia as persoas empadroadas en Vimianzo.

O sorteo de prazas terá lugar o mércores 18 de xuño, ás 12:00 horas, na sala de conferencias da Casa da Cultura. A partir de aí, o xoves e venres, días 19 e 20 de xuño, serán os días hábiles para formalizar a matrícula e o pago.
O prezo estipulado é de 50 euros por quenda.

O programa en detalle

A primeira quenda realizarase do 23 de xuño ao 4 de xullo cunha temática moi especial: o Asalto ao Castelo de Vimianzo. Está dirixida a nenos e nenas nados entre o 2013 e o 2022 e hai 100 prazas dispoñibles.

A segunda quenda será do 7 de xullo ao 24 de xullo, para nenos e nenas nados entre 2013 e 2022. Neste período haberá dúas posibilidades, o VimiAstronomía, centrado será na astronomía e as ciencias para a orientación e recoñecemento do ceo, para o que hai 65 prazas; ou o VimiDeporte, no que desenvolverán dinámicas lúdicodeportivas enfocadas ao achegamento da rapazada ao coñecemento, coidado  e respecto do medio ambiente, reciclexa, etc. Conta con outras 65 prazas dispoñibles.

A terceira quenda desenvolverase do 28 de xullo ao 14 de agosto. Nesta ocasión, os rapaces e rapazas terán a posibilidade de converterse en cociñeiros e cociñeiras no VimiCheff, co que poderán practicar e adquirir coñecementos de técnicas culinarias básicas. Está dirixido á rapazada nada entre 2013 e 2019 e conta con 20 prazas dispoñibles. Esta quenda inclúe unha nova posibilidade de participar no VimiDeporte, para nenos e nenas de entre 2013 e 2022, con 90 prazas habilitadas.

Por último, a cuarta quenda terá lugar do 18 ao 29 de agosto. Haberá unha nova edición do VimiCheff (20 prazas) e do VimiDeporte (70 prazas).

VimiAventura nas parroquias

Ademais das diferentes posibilidades ofertadas en Vimianzo, tamén se establece a posibilidade de levar aos campamentos ata as parroquias, sempre que se acade un mínimo de 20 persoas inscritas.
Están dirixidos a nenos e nenas nados entre 2013 e 2022 e realízanse tres quendas:

  • 1ª quenda: do 7 ao 24 de xullo
  • 2ª quenda: do 28 de xullo ao 14 de agosto
  • 3ª quenda: do 18 de agosto ao 29 de agosto

Comentarios