Vimianzo quere impulsar o Grumir dende o seu pleno
A pasada mañá de mércores celebráronse, no concello de Vimianzo, as comisións informativas previas ao pleno da corporación municipal, que terá lugar o vindeiro sábado día 6 de abril. Un pleno que quere rescatar a figura do Grumir a pesar das desavenencias da Xunta que xa avisaba a ceenses e vimianceses de que se poden olvidar.
Entre os puntos aprobados de cara á sesión plenaria destaca o expediente de modificación de crédito para poder levar a cabo a contratación de catro persoas, traballadores temporais do GRUMIR, durante un período de seis meses. Así mesmo incorporouse unha subvención para a Agrupación de Voluntariado e Protección Civil, coa que se pretende potenciar este organismo que desenvolve un traballo moi necesario para o concello e moi valorado polos veciños e veciñas. Nesta mesma modificación de crédito inclúese ademais unha dotación de crédito para a convocatoria de bolsas de ensino para a adquisición de material escolar e para reforzar diferentes iniciativas culturais e deportivas.
Máis puntos
Outro dos puntos que se abordará no Pleno será a toma de coñecemento do paso á condición de non adscritos dos concelleiros José Manuel Rodríguez Blanco e Montserrat Vázquez Miñones, expulsados do PSOE pola subscrición da moción de censura. Con este motivo o Alcalde presentará unha proposta de reconfiguración das Comisións Informativas para garantir a participación dos non adscritos, dado que non forman parte de ningún grupo municipal.
Outro punto que se aprobou para o pleno foi a modificación da Ordenanza Fiscal da Auga, incorporando na mesma a gratuidade de cambio de titularidade da auga da vivenda en caso de falecemento.
Ademais, o goberno municipal de Vimianzo levará ao Pleno do vindeiro sábado unha moción de apoio aos afectados polas preferentes consensuada por todos os alcaldes da Costa da Morte, unha moción tan importante neste momento no que o goberno veu de aprobar a chamada quita, que na realidade significa un roubo sen precedentes dos aforros.
Tamén se levará a Pleno a personación do Concello no contencioso polo estudo de detalle de Baíñas e A Piroga, a raíz de que a oposición se manifestara en contra de anular os acordos plenarios a requirimento da Xunta.
A creación dunha Ordenanza Reguladora do Rexistro de Asociacións, foi outro dos puntos aprobados para o pleno, coa finalidade de favorecer o traballo das entidades sen ánimo de lucro, o acceso a subvencións, etc. Este punto vén mostrando, unha vez máis, o compromiso do goberno municipal coas persoas que traballan pola dinamización das súas parroquias que realizan un labor deisnteresado e indispensable, fomentando as relacións veciñais, e que, por tanto, merecen o apoio e compromiso do concello.
E ademais disto, tamén se abordarán varios informes económicos, entre eles dar conta da aprobación da liquidación do exercicio económico 2012 polo Alcalde, que deixa un remanente positivo de 112.000 €; ou os cumprimentos das obrigas de morosidade. Neste sentido, Manuel Antelo destaca que no día de hoxe o Concello fixo fronte ao pagamento das facturas presentadas ata o mes de abril “co que cumprimos obxectivos de recursos á economía local, xa que a inmensa maioría dos proveedores son empresarios de Vimianzo, di o Alcalde, “é importante nos tempos que corren ter políticas de racionalización de gasto, pero tamén de xestión nos pagos, que axude a paliar os efectos da crise no tecido empresarial”.
A sesión plenaria celebrarase o vindeiro sábado, día 6 de abril, ás 11 horas.