Domingo. 21.07.2019
El tiempo

Vimianzo volve convertirse en epicentro europeo do Patrimonio

Vimianzo volve convertirse en epicentro europeo do Patrimonio

A demostrada aposta polo patrimonio do Concello de Vimianzo continúa. Desta volta a través dun encontro internacional que convertirá, unha vez máis a comarca de Soneira no centro do patrimonio europeo. Vimianzo será sede do Encontro Internacional «O futuro dos territorios rurais europeos e o valor social do patrimonio cultural das vilas históricas da UE, a debate», entre os días mércores 3 e 5 de abril.

O Encontro Internacional supón a posta en marcha do proxecto europeo #EuSAVE – EU Citizens’ Action for Smart Historic Villages, liderado polo Concello de Vimianzo e aprobado na acción «Redes de Cidades» do programa Europa dos Cidadáns. No proxecto participan ademais institucións procedentes de Bélxica, Bulgaria, Croacia, Italia, Letonia, Portugal e a República de Macedonia; representantes de todos eles daranse cita en Vimianzo para poñer oficialmente en marcha este proxecto.

Durante o 1.º Encontro Internacional serán debatidos temas como as políticas de desenvolvemento rural da Unión Eurpeoa, ou a situación, o futuro e os retos actuais das zonas rurais europeas —retos como o despoboamento, o envellecemento da poboación ou a falta de oportunidades laborais—.

Tamén se tratará, como non podía ser doutro xeito, a cuestión do patrimonio cultural e histórico dos territorios rurais como recurso estratéxico para unha Europa rural sustentable.

Programa

O mércores 3 de abril será a xornada da reunión de posta en marcha do proxecto, con representantes de todas as organizacións socias.

O xoves día 4 terá lugar, no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, entre as 9:30 e as 17:00, unha sesión informativa aberta a todo o público interesado. A xornada comezará ás 10:00 co acto de apertura oficial do proxecto, que incluirá unha charla sobre o programa Europa cos Cidadáns e os retos en que se está traballando para o novo período de programación con incidencia no medio rural.

Xa ás 12:00, darase paso a unha serie de conferencias de especialistas en diversos campos: Roberto Penas Puentes, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Valerià Paül Carril, do Grupo de Investigación ANTE de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela; e Iria Caamaño Franco, da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña.
Ás 14:00, será o momento para o networking e o xantar, cun cóctel no vestíbulo da Casa da Cultura, e ás 15:30 dará comezo un Panel de experiencias sobre desenvolvemento rural e patrimonio cultural, no que intervirán Marta Rey, a concelleira de Cultura de Vimianzo, falando do patrimonio e o desenvolvemento local no caso vimiancés; Arménio Coelho, a comentar a estratexia de desenvolvemento rural da súa organización, Aldeias Históricas de Portugal; José Antonio de la Riera Autrán, que relatará a experiencia de dinamización da ruta Vía Mariana; e representantes de Slow Food Compostela, acerca de experiencias ligadas ao gastronómico, e de Phottic, sobre recuperación do patrimonio fotográfico».

O Encontro finalizará o venres 5 cun taller transnacional, onde as distintas organizacións socias do proxecto irán comezando a construír os contidos da seguinte parte, «Compartir experiencias e explorar enfoques e iniciativas de éxito».

Novas relacionadas

Comentarios