A Filloa zaseira, gran protagonista deportiva e gastronómica
Menudo éxito de participación para o II Trail da Filloa de Zas. Se o ano pasado eran nada menos que 400 os atletas participantes, este ano a proba deportiva bate marcas superando o medio millar de inscritos. A cita organizada polo Concello de Zas e a Asociación Deportiva Monte Brondo, é este domingo a partir das 9:30h, con espazo para todos.
Ao longo da mañá disputaranse tres probas diferentes. A primeira proba en comezar será o Trail Longo (con 80 inscritos), de 28 quilómetros de percorrido, que arranca ás 09:30 horas. A seguinte será o Trail Curto (con 230 inscritos), 17 quilómetros, que comeza ás 10:00 horas. E quince minutos despois, ás 10:15 horas, será o turno dos participantes na Andaina Popular (con 193 participantes) que camiñarán 10 quilómetros. Nas tres probas, tanto a saída e como a meta estará ubicada nas inmediacións da Casa do Concello de Zas.
Entre os participantes figuran veciños e veciñas da zona así como doutros puntos como de Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol,…
Haberá un total de cinco zonas de avituallamento onde os participantes poderán recuperar as forzas necesarias para chegar a meta a base de filloas e doutros aperitivos.
As experiencias serán un dos ingredintes básicos desta proba que está a espertar moito interese entre os corredores. Así, ao longo dos percorridos haberá moitas sorpresas, tales como atravesar ríos, zonas de lama e incluso unha zona de “Aquaplanning” só para os máis atrevidos. Outra das sensacións que vivirán os participantes serán o contacto coa natureza e as impresionantes vistas que desfrutarán ao longo de moitos dos tramos dos percorridos.
IV Festa da Filloa
E sen tempo a descansar, o vindeiro 24 de febreiro nova cita, desta volta unicamente gastronómica, ca filloa. O polideportivo zaseiro (que contará con calefacción) traerá un menú completo para a cea.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).