mércores. 06.08.2025
El tiempo

Os Premios Fouciño presentan unha programación “diversa, comprometida e local” para a súa V Edición

Presentacion Premios Foucino 2025
O equipo dos Fouciño anunciou a programación durante un acto dedicado ao propio certame baiés que se celebrou dentro da Semana Cultural de Zas.
Os Premios Fouciño presentan unha programación “diversa, comprometida e local” para a súa V Edición

Os Premios Fouciño veñen de anunciar a programación da que será a súa V edición, que se celebrará en Baio do 23 ao 25 de outubro de 2025 e repartirá 1.800€ en premios. O festival aposta por un formato semellante ao do ano pasado, que tivo tan boa acollida, e que combina curtametraxes dentro e fóra de competición, actividades lúdicas relacionadas co cinema e moita música. 

O festival botará a andar o xoves 23 de outubro coa proxección de Pura, curtametraxe de Carmen Méndez gañadora dos Mestre Mateo este 2025. Despois do pase haberá un coloquio coa directora. 

O venres 24 teremos unha sesión de catro curtametraxes que conectan no concepto de diversidade: 'Delincuente', de Alba Domínguez e Nuria Vil; 'O Coidado', de Miguel Canalejo; 'Abellón', de Fon Cortizo e 'La casa de la abuela', de Ashling Ocampo. A noite rematará cun concerto da cantante coruñesa Sofi Peries e un concurso de karaoke cinéfilo. 

O prato forte do festival é o sábado 25, coa proxección das curtas presentadas a concurso e a gran festa final na que actuarán Antía Muíño, Ulex, 9Louro e Tonita, conformando un cartel que aposta polos novos talentos e a música en galego. Antes, a mediodía, tamén haberá a proxección da curtametraxe do obradoiro infantil de cinema e a peza ‘Un peixe é un peixe é un peixe’ de Marilar Alexandre e Alberto Pombo, gravada en Fisterra. 

O acto de presentación do programa, no marco da Semana Cultural de Zas previa á Festa da Carballeira, contou coa presenza de representantes do concello de Zas, que coorganiza o certame, e pola tarde proxectáronse as tres curtametraxes gañadoras da IV Edición do festival. 

A organización dos Fouciño salientou a aposta deste ano por un cinema comprometido no social e innovador no formal, sempre desde o carácter local e íntimo das historias, ese “cinema de proximidade” que caracteriza a selección dos Premios Fouciño.

cartel-foucino-2025_final

Podedes consultar toda a programación en https://premiosfoucino.concellodezas.org/ 

Máis novas dos Fouciño

Comentarios