Venres. 29.03.2024
El tiempo

A veciñanza de Fornelos recupera a súa toponimia

  • Queda moito traballo colaborativo por facer a nivel comarcal. Se hai concellos con máis de 5.000 achegas, outros non chegan ás 100.
Fornelos Baio
A veciñanza de Fornelos recupera a súa toponimia

Moito nos presta falar de toponimia en QPC. Esta semana de feito, xa estivemos con Xarda falando da microtopomoia do noso interior ou da Talasonimia bergantiñá. A Real Academia Galega ademais ten pasado coa campaña toponimízate por Fisterra, Carnota ou Carballo. Pero desta volta a única protagonista é a veciñanza, aproveitando a plataforma colaborativa de Galicia Nomeada, co asesoramento de Vicente Feijoo, coordinador da Unidade Técnica de Toponimia da RAG.

A Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos, en Baio, Zas, iniciou un “labor de recolleita e localización dos nosos microtopónimos para que estes perduren como parte indispensable do noso patrimonio e as xeracións vindeiras sexan coñecedoras e transmisoras deles”, como nos explica Rocío Romar.

Explica que a riqueza tan extraordinaria de Galicia (ten tantos topónimos como o resto de España xunta) ten razóns tan claras como o minifundismo, a orografía, a riqueza natural… e parte ademais de dúas premisas que cómpre lembrar:

  • A lei que regula en Galicia os nomes de lugar é a Lei 3/1983 que, en referencia a eles, di: Os topónimos terán como única forma oficial a galega.
  • A maior parte dos topónimos tiñan, e moitos aínda teñen, un significado axeitado á realidade xeográfica en que naceron.

Así, ante a perda desta microtoponimia, cómpre poñerse a traballar para intentar que non se perda na sabedoría oral.

Historia

PARCELARIO FORNELOS MICROTOPONIMIA-FINAL

O traballo realizado pola Asociación volve ata a época medieval para recuperar aqueles tempos de feudalismo, cando as terras se dividiron ata o infinito pasando do “ferrado” ao “ferradiño”. “Ao haber moitas leiras, hai moitos nomes. En escrituras de: foros, compravendas, partillas, testamentos e preitos, pódense contabilizar máis de cento cincuenta nomes sen repetir. Os máis antigos corresponden a dúas compras que fixeron os señores da Casa de Romelle nos anos 1573 e 1655. Na primeira non figuran os nomes das leiras, pero si nun foro de 1646. Entre as dúas hai corenta nomes (algúns repetidos), e excepto o herbal Bao Longo que se converteu en Balonco, os demais permanecen inalterables.
Algunhas as castelanizaban: Xan Casado, por Juan Casado, Roxo por Rojo ou Tras da Devesa por Tras de las Dehesas. O máis curioso foi o Foxo por Fojo, cando ´fojo´ non existe en castelán”

O significado dos nomes

Os nomes de lugar son un fiel reflexo da historia. Deste xeito podemos clasificar os microtopónimos de Fornelos en:

- Hidrotopónimos, os que se refiren á auga:
Por un lado, o que xira arredor do río O Rego de Fornelos, afluente do río Grande e que atravesa o lugar de norte a sur desde A Fontefría e Vistalegre en Cabana de Bergantiños ata Baio. Ao redor do río aparecen topónimos como Riotorto, O Rego, O Foxo que é unha zona de leiras que quedan máis baixas có río, Rego Madeiro, que era un regacho da fonte do Castelo afluente do das Carballas polo Val do Seixo; Riba do Río e Riba do Bao, lugar máis alto que O Bao do río. ;
Pola outra a presenza de multitude de fontes e mananciais dos que resultan nomes como: A Fonte do Seixo, Riba da Fonte, O Herbal da Fonte, A Fontaíña, e A Fontiña. As Balsas, A Braña Feais e Os Lameiros son zonas baixas con bastante presenza de auga.

- Odontopónimos, que fan referencia ás vías de comunicación, como “O Camiño do medio”, na zona dos Campos había tres camiños e este era o do medio; ou Sucamiño que significa por debaixo do camiño e está entre As Cancelas e o río.

- Orotopónimos: Os relacionados co relevo: vales, montes, serras ou sistemas montañosos, tales como A Costa; As Costas; O Couce do Monte co significado de final ao lindar con Laxe; O Outeiro, ou zona alta; Suacosta, que significa por debaixo da Costa; Valonco, que significa val longo; Val do Seixo e O Castelo, monte de pedras.

- Fitotopónimos: os que collen o seu nome das plantas ou árbores coma As Carballeiras, O Carballiño e As Carballas que fan referencia a terreos con carballos; A Salgueira, zona con salgueiros; A Castañeira, lugar de castiñeiros; O Pumariño, en referencia ás mazanceiras (en latín pomus); O Prado do Feo, o feo é unha planta gramínea de espiga moi aberta (Deschampsia flexuosa) e O Codexo que é unha planta arbustiva (Adenocarpus complicatus) de talos cilíndricos e flores amarelas.

- Zootopónimos, provintes dos nomes de animais, como As Paxariñas e O Mosqueiro chamado así porque é unha zona onde hai moitas moscas.

- Litotopónimos, saídos das pedras, como Pedra Lagarta, As Pedracheiras, As Pedriñas, As Travesas do Pedrouzo que son tenzas do monte abertas que van ao través, O Pedrouzo, O Esperón que vén do latín asperu(m) que significa áspero, pedregoso.

- Epónimos, os procedentes do nome dunha persoa, como Xan Casado e As Donas, onde se cre que se asentou o núcleo de poboación orixinal de Fornelos.

- Os que se refiren a asentamentos e construcións humanas: Os Canles, As Eiras Vellas, O Cruceiro e A Cruz. A Fornella e A Medosiña fan clara referencia a construción funeraria prehistórica tan común no lugar no que hai abundancia de mámoas e furnas ou fornelas pertencentes ao campo de Dombate e que mesmo dá lugar ao nome de Fornelos como lugar de furnas.

- Os ligados a actividades humanas, neste caso aos labores relacionados coa agricultura e o coidado do gando: As Palleiras, O Palleiro, Tras do Prado, O Prado, A Agra do Campo, Tras da Agra, O Campo, A Leira grande, A Chousa Nova, Os Campos, A Senra, Tras da Senra, estes dous co significado de terra de cultivo de mediana calidade, As Falsas chamadas así porque daban un ano bo colleita e outra mala, A Manca, que eran fincas estreitas e longas, As Travesas, que estaban ao través das demais e Os Barreiros que eran a zona onde se recollía o barro. As Bouzas, terreo de monte de mediana calidade.

- Antrotopónimos, saídos dos núcleos de poboación como O Val do Vilar. A palabra vilar vén do latín villare(m) e fai referencia a un conxunto de terras de labradío.

Moito traballo por facer na comarca

Son moitas as diferencias de topónimos colleitados na Costa da Morte no Visor da Galicia Nomeada. Dende Concellos con máis de 5.000 topónimos rexistrados a outros que non chegan a 100… Para un total de topónimos colleitados a novembro de 2022 na comarca de 28.851.

Concello Nº Topónimos
rexistrados en
Galicia Nomeada
Cabana 540
Camariñas 94
Carballo 597
Carnota 3295
Cee 197
Corcubión 16
Coristanco 5741
Dumbría 138
Fisterra 77
A Laracha 5691
Laxe 78
Malpica 591
Mazaricos 329
Muros 3692
Muxía 265
Ponteceso 2350
Santa Comba 654
Vimianzo 3972
Zas 534
TOTAL (novembro 22) 28851

Máis novas sobre toponimia

Comentarios