Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Laracha recupera a súa toponomia

Placas de novos toponimos da Laracha
Placas de novos toponimos da Laracha
A Laracha recupera a súa toponomia

Que fermosos son os nosos topónimos. Por iso nos encanta afondar no fermoso proxecto de recuperación patrimonial do Concello da Laracha arredor da súa toponimia. Un proxecto que inclúe dúas liñas: a instalación de placas numéricas nas casas dos núcleos rurais; así como a recuperación de topónimos esquecidos e a súa inclusión no Instituto Nacional de Estadística (INE) e no Nomenclátor oficial da Xunta. Un proxecto que arrincaba en 2015, pensado para desenvolver nas 13 parroquias e nos 311 de núcleos de poboación existentes no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Unha cifra que desaparecera no marco da Lei de adaptación da Lei do Solo a Galicia as coñecidas como Normas Subsidiarias Municipais.

Naquel momento o criterio necesario para considerar un lugar como núcleo (e, por tanto, permitir edificar nalgúns dos seus terreos) era que existise previamente un número determinado de vivendas xa construídas. O Concello da Laracha, “cos obxectivos de que os terreos de particulares non perdesen valor (nin edificabilidade) e favorecer o desenvolvemento urbanístico no rural coa creación de novas vivendas unifamiliares, tomou a decisión de agrupar no padrón municipal varios lugares en un único como ferramenta para alcanzar en todos eles o número de vivendas necesario para que nas Normas Subsidiarias Municipais puidesen ser considerados como núcleos urbanizables”.

Hoxe é tempo de recuperar aqueles fermosos nomes, así como a numeración das vivendas, dos anos 90, dándolle ademais un aspecto uniforme ás zonas rurais. Tamén están ampliando da sinalización vertical na rede viaria para informar do punto exacto no que comeza cada núcleo.

Aínda que se está a facer por fases e queda moito traballo por desenvolver, contan con recuperar polo menos máis dun centenar de topónimos. As fases, por parroquias, evolucionan do seguinte xeito:

- Coiro foi a primeira parroquia na que se actuou, recuperando 30 novos topónimos: A Avieira, A Arganal, A Champaina, A Fontefría, A Manxarín, Painceira, O Pazo Vello, O Cabaleiro, O Campo Novo, A Casanova, O Pereiro, Gudís, Morgade, Novás, A Matosa, O Alto, O Coto, A Medoña, A Decoita, Fornos, Pias, A Taberna Nova, A Lourenceira, Barbacán, O Campón e A Tenda.

- Montemaior foi a segunda parroquia do proxecto, coa a instalación de 190 placas numéricas e a recuperación de 14 novos topónimos: Brumiáns, A Casavella, O Loureiro, A Mondragona, O Outeiro, As Cerqueiras, A Panela, As Seixiñas, A Chamusqueira, Propeste, Pazos, Bardenlos, O Batalo e A Gatuñeira.

- Caión é a terceira parroquia actualizada. Foron instaladas 190 placas e incorpóranse 3 topónimos: Alvite, Cima de Vila e O Pazo.

- Vilaño, o proxecto xa está en marcha. Serán 405 placas e 18 topónimos novos: (A Lamela, A Barreira, As Fervenzas, Fornelos, O Seixo, Samiro, Vista Alegre, As Avieiras, As Brañas da Viña, O Reigoso, Padrón, A Piña, Vilanova, O Pereiro, As Calzadas, A Telleira, O Pino e Bos Aires).

- Cabovilaño é a quinta parroquia modificada, e o proxecto está en fase de execución. Precisaranse sobre 500 placas e sumaranse 24 topónimos novos: (O Agriño, O Cancelo de Arriba, O Cancelo do Medio, O Cancelo de Abaixo, O Chamusco, A Bragueixa, O Piñeiro, A Cacharra, A Torre, A Vixía, As Abeleiras, A Casanova, O Cuartel, O Salgueiral, O Vilar, O Carredo, O Castro, Os Mouriños, Trasande, Fermelle, A Fraga, As Ribas, A Barreira e A Costa.

- Quedan por redactar e executar os proxectos das outras oito parroquias: Torás e Lestón (as seguintes), Lendo, Lemaio, Golmar, Soutullo, Erboedo e Soandres.

 

Novas relacionadas coa Toponimia

Comentarios