Zas volve á polémica por unha posible sanción de 15.000€ polo peche da piscina munipal
08:05 04/10/17
A Xunta ordenou o peche preventivo da piscina de Zas a finais do mes de xullo
Segue aberto o debate político en Zas despois de que o pasado verán se pechase a piscina municipal da vila por falta de socorrista. O portavoz do Partido Popular - David Gómez - lamentou a través dunha nota de prensa que "sexan os veciños do municipio os que, co diñeiro dos seus impostos, deban facer fronte á multa de máis de 15.000 euros coa que a Xunta de Galicia sancionou ao concello pola contratación irregular dun socorrista para a piscina municipal".
Para os populares segue sendo unha "neglixencia e un capricho" do rexedor polo que cualificaron de “moi grave” que acabe cunha sanción económica. “Gustaríanos saber a quen culpa agora o alcalde de todo isto”, subliñou Gómez, quen lembrou que o rexedor negou no pleno a posibilidade de que o goberno autonómico multase ao concello por contratar a un socorrista que non cumpría cos requisitos obrigatorios para poder desempeñar as súas funcións na piscina municipal, tal e como denunciaron os populares.
Ao respecto, o alcalde de Zas - Manuel Muíño - sinala que polo momento "non hai tal sanción" senon unha "resolución de apertura de expediente". Segundo indica o rexedor, no último pleno o popular preguntou se entrara no rexistro dita resolución - que foi xa no mes de agosto - e solicitou unha copia da mesma. Muíño coñece que esta apertura de expediente é por unha "falta moi grave" e que a sanción pode chegar aos 15.000€ pero ao mesmo tempo sinala que se trata dun "tema político". O concello de Zas presentou xa as alegacións pertinentes das cales ainda non ten resposta.
A Xunta ordenou no seu momento o peche preventivo xa o que o vixiante contratado non figuraba no rexistro xeral de socorristas da Consellería. Manuel Muíño - alcalde de Zas - sinalou que o socorrista contaba coa formación teórico e práctica pertinente e "abrironnos expediente por un feito que non era firme". Muíño aclara que a non inscrición do socorrista no rexistro "non era firme e contaba cun tempo para alegar". "A Xunta ten agora un problema xa que abre un expediente cando o socorrista contratado non contaba coa resposta ás súas alegacións. Fixeron as cousas con moito apuro", sinala Muíño. Sobre a posible sanción, o rexedor zasense indica que "non imos pagar iso xa que imos ao contencioso".
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Zas