![A asociación Pro Enfermos Mentais inagurou as súas novas instalacións]()
A asociación Pro Enfermos Mentais inagurou as súas novas instalacións
Carballo sobe un chanzo máis en materia de servizos sociais. Así, a asociación Pro Enfermos Mentais - APEM - acaba de estrear un novo local en Carballo para atender aos seus usuarios e usuarias. O espazo, situado no número 2 da Avenida da Cristina, ofrecerá servizo como
Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral e como
Centro de Día e conta cuns 800 metros cadrados de superficie.
No acto de inauguración estiveron a presidenta de APEM,
María Antonia Pérez Amieiro, a directora de Desenvolvemento da entidade,
Esther Monterroso, o alcalde de Carballo,
Evencio Ferrero, e numerosos representantes de APEM, de todos os grupos da corporación, dos Servizos Sociais Municipais así como doutras entidades do municipio, como Vieiro ou Aspaber, entre outras.
![As novas instalacións da asociación Pro Enfermos Mentais albergan un centro de día e un centro de rehabilitación]()
As novas instalacións da asociación Pro Enfermos Mentais albergan un centro de día e un centro de rehabilitación
O local conta cun espazo destinado especificamente a Centro de Día, servizo dirixido a persoas con enfermidade mental grave e persistente e que presentan un maior grao de dependencia, e como consecuencia, importantes dificultades de integración e maior risco de deterioro, illamento e marxinación. E con outro espazo destinado ao Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, dirixido tamén a persoas con enfermidade mental grave que presentan atrancos no seu funcionamento social autónomo e na súa integración normalizada que precisan dun apoio específico e estruturado para avanzar na súa inserción na comunidade.
Ademais, as instalacións contan cunhas oficinas para desempeñar o labor administrativo, de varias aulas e de talleres de cociña e informática, co equipamento necesario para poder desenvolver as actividades psicomotrices e psicosociais que se realizan decotío.
Proximidade
Esther Monterroso encargouse de debullar polo miúdo todas as actividades que poderán desenvolverse no novo centro, e subliñou que a novidade reside na posibilidade de "dar cabida a persoas graves ou con enfermidades persistentes". O seu obxectivo, explicou, é o de "construír unha escaleira na que ninguén se pare en ningún chanzo" e que poda servir "para darlle a todo o mundo a opción de volver a empezar". Monterroso, tamén quixo resaltar que o Centro de Día servirá para que os usuarios e usuarias "podan permanecer na súa contorna, cos seus amigos e familias" en lugar de ser ingresados noutro tipo de centro, e rematou dicindo que "as portas de APEM están abertas non só para os usuarios e usuarias, senón tamén para a xente da rúa, para poder acadar unha integración real".
Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a súa satisfacción por que Carballo conte con estas instalacións que poderán axudar aos veciños e veciñas. O acto rematou cun percorrido polo amplísimo local, que dende onte xa está aberto para toda a cidadanía e que se fixo realidade tamén grazas ás achegas e a colaboración conxunta de numerosas administracións.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- Concello de Carballo