Venres. 26.04.2024
El tiempo

Corredoira analiza o comezo das 4 ligas do Fútbol da Costa

Corredoira analiza o comezo das 4 ligas do Fútbol da Costa

Manolo Corredoira, Subdelegado da RGFG na Costa e Delegado da Coruña; un dos nosos especialistas de cabeceira, analiza as Ligas da Costa no comezo desta temporada 2019/2020.

Preferente

 
  • QPC: Como vés os 3 equipos costeiros de Preferente? Pasarán apuros ou estarán na zona media-alta?

A verdade é que Sofán e Xallas sufriron cambios sutanciales, por canto nos primeiros Iván Cancela deixa o banquiño logo de dúas campañas moi exitosas, e no Xallas tamén hai cambio no banquiño e no persoal, pero eu penso que tanto un como outro conxunto seguro que estarán nesa zona tranquila da clasificación. Pola súa banda, o Fisterra vén dunha inercia moi positiva, e a confección da súa plantel por parte do seu director deportivo, José Manuel Álvarez, fai albergar esperanzas de que poidan ser o equipo sorpresa da competición, aínda sendo xa unha realidade.

 
  • QPC: A quen vés máis potente este ano? Que equipo se reforzou mellor?

É complicado dicir a estas alturas quen son favoritos ao ascenso ou quen se reforzou mellor. O fútbol é unha caixa de sorpresas, e, en principio, todos parten coas máximas ilusións. No entanto, os 38 partidos de competición van colocando a uns e outros na súa verdadeira situación. Por potencial, os descendidos Boiro, Laracha e Noia deben de estar neses postos de privilexio, con Viveiro, Sarriana…, en fin, creo que é unha das tempadas onde a igualdade pode ser patente de principio a fin e pode resultar un torneo apaixonante, ao meno de partida.

1ª Galicia

  • QPC: 5 equipos costeiros na categoría. Cres que algún dos equipos pasarán moitos apuros?

En Primeira Autonómica, é unha realidade que o fútbol da Costa vai a ter unha representación espectacular, con equipos xa veteranos na competición, como o Dumbría, Baio ou Soneira, e o debutante Volantes de Baño, aos que se lles une o campión da Liga da Costa da tempada pasada, Mazaricos, que retorna a unha categoría na que estivo fai xa varias tempadas. Todos eles parten con grandes ilusións, aínda que sempre digan que, en principio, o obxectivo é a permanencia. No entanto, a excelente campaña realizada a pasada tempada por Baio e Dumbría, fan pensar que poidan repetila e aspirar todo o máis alto, malia que ambos conxuntos sufriron varios cambios nos seus persoais. O Soneira, mellorou o persoal da tempada pasada, do mesmo xeito que Mazaricos e Volantes, que manteñen o bloque que lles deu o ascenso e reforzárono coa intención de dar cumprida resposta ás esixencias da competición.

 
  • QPC: Cres que algún ten opcións reais de ascender?

Nunca se pode dicir que haxa favoritos de principio, pois unha Liga como a de Primeira é tremendamente longa e disputada, baste como botón de mostra a loita polo ascenso da pasada campaña con Fisterra, Sigüeiro e Flavia de xeito conxunto ata o final, ou os máis de 40 puntos que se necesitaron para eludir o descenso. Eu entendo que Dumbría, Baio, Soneira, Mazaricos e Volantes están perfectamente conformados para esa loita sen tregua nas 34 xornadas de competición, pero en fronte terán equipos do potencial do Flavia, Negreira, Lalín, históricos que non fai moito estaban en Terceira División.

 
  • QPC: Como cres que se reforzaron os nosos equipos?

Como dixen antes antes, todos reforzáronse para mellorar o persoal da tempada pasada. O Dumbría, cun cambio importante na dirección técnica, é un conxunto novo pero suficientemente preparado, do mesmo xeito que o Baio, cun plantel moi parecido ao da tempada pasada. O Soneira reforzouse francamente ben, aumentando o nivel do seu persoal, mentres que Mazaricos e Volantes, sendo 8unha incógnita de principio, están conformando persoais competitivas e que serán complicadas de superar.

 

2ª Galicia 

  • QPC: Que equipos ves favoritos para esta Liga da Costa?

Creo que estamos ante unha das ligas máis igualadas dos últimos anos, sobre todo tendo en conta que ata catro equipos pode disputar a promoción de ascenso este ano, pois o primeiro ascende directamente e o 2º, o 3º e os dous mellores cuartos dos grupos de Santiago e A Costa, disputarán a promoción de ascenso a eliminatorias a dobre partido. Sen dúbida, a Esteirana debe de estar nesa zona de privilexio, co Corme, Ponteceso, Baiñas, que sempre son dos grandes favoritos. Muxía, coa chegada de Diego e Oscar Leis ao banquiño; Lira, moi reforzado; o novo Malpica; en fin, moitos candidatos a priori, sen descartar a ninguén de principio, ata dos recentemente ascendidos, como o Castriz ou un Coristanco que o ano pasado só perdeu un partido entre Liga e Copa.

 
  • QPC: Cales foron os equipos que mellor se reforzaron este curso?

Eu entendo que todos os equipos, dentro das súas posibilidades, trataron de conformar planteles o máis competitivos posibles, pero creo que o Ponteceso reforzouse moito e ben, do mesmo xeito que o Baiñas, de novo con Juan na presidencia. Pero non podemos esquecer o potencial importante da Esteirana, que o deixou patente co seu título de Copa, e o excelente traballo que vén desenvolvendo ano tras ano o Corme, sempre na zona nobre da táboa clasificatoria. E con eles, os que comentei, como o Lira ou o Cee, con varios xogadores chegados do Fisterra. En fin, creo que se albisca unha gran tempada.

 
  • QPC: Que equipos pasarán apuros e que equipos non estarán na parte alta?

Falar de quen pasarán apuros é unha quimera agora mesmo. Todos, como dixen xa en Preferente ou 1ª, diranche que o primeiro é alcanzar a permanencia, e eu entendo que vai estar moi disputada ata o final das 30 xornadas, e todos van ter que estar vivos de principio a fin, sen descoidos nin baixar a garda. Repito, penso que vai ser unha competición tremendamente igualada e emocionante.

 

3ª Galicia 

  • QPC: Que equipos ves favoritos para ascender á Liga da Costa?

En Terceira eu entendo que por potencial e o realizado a pasada campaña, o Outes, Porteño e Camariñas deben de estar nesa loita polas prazas de ascenso e promoción, do mesmo xeito que os descendidos Monte Louro e Ameixenda. Logo ábrese o abanico de candidatos, con Nantón ou Castrelo como grandes animadores, pero tendo en conta que un erro pode tirar todo o traballo da tempada.

 
  • QPC: Cales foron os equipos que mellor se reforzaron este curso?

Volvo repetir que, dentro das súas posibilidades, todos os equipos han ir conformando os seus persoais conforme ás súas posibilidades, pero o Camariñas, Outes, teñen conxuntos de excelente nivel competitivo, do mesmo xeito que o Ameixenda que da man de Julio Vila quere retornar á categoría perdida a pasada campaña. O Porteño mantén a base da pasada tempada e da man de Varela seguro que estarán nesa zona de privilexio. En fin, entendo que a loita polo ascenso estará moi igualada e ata o final ninguén poderá sentirse ditoso.

Máis información

Comentarios