Venres. 26.04.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Dous silbatos costeiros, 30 quilómetros, a Terceira en xogo

Malpica e Zas saltan ao campo de Pedra Queimada-Foto-Fede
Malpica e Zas xuvenil saltan ao campo de Pedra Queimada-Foto-Fede
Dous silbatos costeiros, 30 quilómetros, a Terceira en xogo

Os dous árbitros costeiros da Terceira División decidirán, na tarde deste domingo, a Terceira División, por arriba e por abaixo, con apenas 30 quilómetros e 30 minutos de marxe. 

Bruno Méndez, árbitro da Subdelegación da Costa, dirixirá (17.30 horas, Morrazo) un duelo de urxencias na parte baixa da táboa: Alondras-UD Ourense. Ambos equipos chegan a este partido empatados a seis puntos, só un por riba dos postos de descenso. Bruno Méndez estará auxiliado nas bandas polos compañeiros da Delegación da Coruña Álvaro Gil e Gonzalo Belmonte.

Óscar Martínez, colexiado costeiro da Delegación de Santiago, dirixirá, media hora máis tarde, en Santa Mariña (Redondela) o duelo no que o Choco intentará manter o liderado fronte a un Silva camiño de facer historia, pois acumula catro xornadas consecutivas empatando.   

E aínda máis preto do Morrazo, a apenas 25 quilómetros, outro silbante costeiro entrará en acción á mesma hora (18.00 horas). Pablo Rama, colexiado tamén da Subdelegación da Costa, arbitrará o Xuvenil Ponteareas-Vilalonga do grupo 2 da Preferente Galicia. Liderará trío costeiro (xunto a Rubén Reborido e David Castreje) nun partido de momentos opostos: os locais, preto do perigo despois de dúas derrotas consecutivas; os visitantes, terceiros na táboa con tres vitorias e un empate nos últimos catro partidos. 

Os da Primeira, na casa

Haberá tamén, esta fin de semana, dous tríos arbitrais costeiros en Primeira Galicia, e ambos farán percorrido en curto pois dirixirán duelos dos equipos da terra. 

Alberto Baña (auxiliado nas bandas por Daniel Martínez e Christian Sendón) dirixirá o encontro dun Baio “bipolar” que busca a súa primeiro vitoria no Platas Reinoso: até o de agora, a temporada dos baieses resúseme en gañar fóra e perder na casa. O partido (Platas Reinoso, domingo, 16.30 horas) enfrontarao ao Unión, un clásico da categoría que tampouco está a ter un comezo de temporada positivo (sumou a pasada semana a súa primeira vitoria, despois de tres derrotas consecutivas no arrinque).

Luis Insua estará no Conco (domingo, 17.00 horas) para o duelo entre Dumbría e O Pino (completan o trío arbitral Lucas Vicente e Esteban Domínguez). Os costeiros suman xa tres xornadas sen gañar, en tanto os visitantes veñen de encaixar na súa casa un mazazo sicolóxico a semana pasada ao ver como o Baio lles remontaba un 3-0 para acabar vencendo 3-4. 

Síntomas preocupantes para os equipos costeiros en ligas galegas 

Quinta estación para os equipos que compiten nas distintas categorías de base das ligas galegas, e os conxuntos costeiros implicados comezan a ter xa urxencias clasificatorias, pois case ningún tivo un comezo de ano plácido.

Na Liga Galega Xuvenil, o Bergantiños é colista, con só un punto en catro partidos. Esta xornada recibe (sábado, 16.00 horas, David Castreje, Carlos Señarís e Óscar Santos) ao Residencia, equipo que apenas mellora o seu currículum pois suma tres puntos no que levamos de competición (unha vitoria e tres derrotas). 

Nesta mesma categoría, o Dumbría, tamén con unha soa vitoria en catro partidos (tres puntos), afronta unha viaxe curta e complicada para medirse ao Victoria B (sábado, 12.15 horas, A Grela 1, Diego Sánchez Rojo).

No fútbol cadete, onde tres equipos costeiros compiten máis aló das ligas locais, curiosamente é o Bergantiños de División de Honra (que o ano pasado sufrira moito para evitar o descenso) un dos que mellor campaña está a facer: 5 puntos en 4 partidos, para situarse na zona morna da clasificación. Esta semana recibe nas Eiroas a un complicado Ural (terceiro clasificado) na matinal do domingo (As Eiroas, 10.30 horas, Adrián Pérez, Rubén Reborido e Manuel Rodríguez).

Na Liga Galega Cadete, situación tamén tranquila polo de agora para os da capital de Bergantiños, con sete puntos, e no horizonte unha viaxe longa para enfrontarse ao Viveiro (antepenúltimo). Pola contra, o Dumbría aínda non sumou nin un só punto na categoría esta temporada, polo que o partido da matinal do sábado no Conco se antolla decisivo (12.00 horas, Alberto Baña, Daniel Martínez e Christian Sendón). Enfronte estarán os lucenses do Milagrosa, que xusto veñen de coller aire tras sumar, na cuarta xornada, a súa primeira vitoria da temporada. 

Na Liga Galega Infantil, o Bergantiños repite duelo co Ural (domingo, 12.30 horas, Marcos Ordóñez, Manuel Rodríguez e Anxo Rey), aquí con máis urxencias, pois os locais só suman tres puntos e están na antepenúltima posición da categoría.

É hora de defender os liderados

A competición avanza en todas as categorías, e os equipos que mellor comezaron desexan facerse fortes e facerse valer dende o comezo.

Un dos liderados máis “sorprendentes” é o do debutante equipo feminino do UC Cee (se ben en empate a puntos co Aguiño), quen na súa chegada á categoría suma dúas vitorias en dous partidos, con dez goles a favor e só dous en contra. Esta semana, en “horario Champions” (sábado, 20.00 horas, Lucas Vicente) reciben no Sampaio de Refoxos ao Arzúa. 

Nas competicións locais de fútbol base repítese un primeiro escenario en todas as categorías, con catro equipos que foron quen de sumar dúas vitorias nas dúas primeiras semanas de competición, polo que esta aínda está moi aberta. En categoría xuvenil pugnan Cabana, Seaia, Esteirana e Outes; en categoría cadete son Fisterra, Os Miúdos, Sofán e Xallas; e na infantil o duelo é entre Os Miúdos, Outes, Cee e Dumbría. Non hai duelos directos en ningunha das competicións, polo que toca comezar a demostrar regularidade na competición para aspirar a todo.

Quen non se apea do liderado é o Sporting Zas do fútbol veterano. Campión a temporada pasada, vai coma un foguete e suma tres vitorias nos tres primeiros partidos, colocándose como líder en solitario. Esta semana recibe (San Andrés, domingo, 11.00 horas, David Cancela) a un Ponteceso que arrincou magnificamente e que, tras dúas vitorias e un empate, podería rematar a xornada líder se é quen de asaltar o feudo do campión. 

Na Primeira, o Deportivo Carballo deu a sorpresa a pasada semana ao batir ao até entón intratable Arasolis no seu campo, colocouse líder, e esta semana defenderá o liderado no duelo de vecindade co outro recén chegado á categoría, o Oza (O Carral, domingo, 12.00 horas, Lucas Vicente).

--- 

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Comentarios