Imprimir

As mulleres da Costa da Morte únense para organizar conxuntamente as mobilizacións do 8M

Redacción | 10 de febreiro de 2020

Imaxe do Encontro Aberto de Mulleres da Costa da Morte para organizar o 8M
Imaxe do Encontro Aberto de Mulleres da Costa da Morte para organizar o 8M

Agroma a semente botada naquela Tertulia Violeta organizada por QPC na radiONeria. Os catro colectivos feministas da Costa da Morte están a organizar conxuntamente as actividades do Día da Muller, e xa teñen un plan conxunto para a comarca.

Plan que nace despois de dúas reunións, a segunda celebrada o pasado 6 de febreiro en clave de encontro aberto a todas as mulleres, Á chamada dos Círculo Feminista de Carballo, Sonlilá de Carnota, Buserana de Cee e Curandeiras de Vimianzo, uníronse o sindicato CIG e varias mulleres a título persoal.

Así, o encontro de Galegas 8M Costa da Morte-Bergantiños, acordou unha serie de mobilizacións con motivo do 8 de marzo.

Un día antes, o 7 de marzo, ás 12:00 do mediodía farase cadea humana de mulleres que percorrerá a praia de Carnota, un dos lugares máis emblemáticos do noso territorio. Todas con algo violeta ben visible, collidas da man para xuntar forzas coas nosas veciñas, amigas e aliadas.
Xa ás 20:00h dese mesmo día 7, Vimianzo acollerá unha Concentración Festiva, con toda a forza, alegría e sororidade que leva a batukada das Curandeiras.

O propio 8 de marzo, organizarán ás 12:00 do mediodía unha manifestación unitaria da Costa da Morte-Bergantiños en Cee, onde Galegas 8M levará o lema "Sen coidados non hai vida".
E pola tarde, ás 19:00 h, pecha o programa outra manifestación en Carballo, que sairá dos xulgados.

Novo asasinato, nova concentración

Concentracions contra o feminicidio de Lugo

Xa saben que estes colectivos non gardan minutos de silencio, senón fan todo o ruído que podem, e ante os novos asasinatos acontecidos esta fin de semana (perderon a vida Clara María Expósito en Lugo e a Ana en Granada), Galicia enteira sae a rúa con sendas concentracións en Carballo, Carnota e Cee, este luns 10 de febreiro ás 20:00h na Praza do Concello, na Praza da Pedra e na Praza 8 de marzo, respectivamente.

”Nove mulleres e unha nena en pouco máis dun mes. É tanta a dor e a raiba que costa expresalas. Chova ou vente estaremos alí, e farémolo de cada vez, porque se tocan a unha, tócannos a todas”, apuntan dende Sonlilá.

Novas relacionadas

Artigos de Sonlilá

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/costa-da-morte/mulleres-da-costa-da-morte-unense-organizar-conxuntamente-mobilizacions-do-8m/20200210073122117268.html


© 2020 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA

Banner xunta axudas copia