Imprimir

Os Premios Fouciño superan as 30 curtas a concurso

que pasa na costa | 21 de xuño de 2018

Os Premios Fouciños de Baio camiñan pola senda da consolidación. Así o demostra a participación nesta terceira edición á que se presentaron un total de 33 curtas de distintos xéneros e chegadas dende varios puntos da comunidade. Nos próximos días, a organización - que recae nas mans do concello de Zas - dará a coñecer as curtas finalistas. Antes, segue aberto o periodo de alegacións para aqueles traballos que non foro admitidos por non cumprir algún dos requisitos establecidos. Entre as 10 curtas finalistas da categoría libre, o xurado terá que elixir a gañadora que recibirá 700€ xunto cun trofeo do certame. No caso da categoría de centros de ensino concursan todos os traballos presentados entre os cales sairá a curta gañadora que recibirá 300€ xunto cun trofeo conmemorativo. Xa o día 30 de xuño, o día grande dos festival dos Premios Fouciño, proxectaranse as curtas finalistas a partir das 19:00 horas no local de Casa Ovidio de Baio. O público terá a oportunidade de votar pola mellor obra e a que máis votos obteña recibirá un trofeo. Unha vez finalizada a visualización terá lugar a entrega de premios que lle dará paso a un festival de música alternativa como broche final do certame. Xurado Tal e como se recollen nas bases, o xurado desta terceira edición dos Premios Fouciño estará formado por un representante do concello de Zas – que será Manuel García Velo, concelleiro de Cultura, ou a persoa en quen delegue -; dous representantes do sector audiovisual – Santi Romay e Carmen Rey –; e dous representantes do movemento asociativo da Costa da Morte – Ramón Lema, do grupo de teatro Badius, e Ana Costa, da Asociación Cultural Churía -. A III edición dos Premios arranca o luns, 25 de xuño, coa semana do audiovisual na que se proxectarán distintos documentais. A primeira das proxeccións é “Fóra”; un documental dirixido e guionizado por Rodrigo Costa no que se recolle a historia da oposición ás factorías de Ence e Elnosa na súa actual localización, dando voz a colectivos e persoas que destacaron nesta loita. A cita é ás 21:30 horas no local municipal situado no edificio Pomares de Baio. A entrada é de balde. Novas relacionadas

Fonte

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/zas/os-premios-foucino-superan-as-30-curtas-a-concurso/20180621190633088427.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA