Venres. 29.03.2024
El tiempo

Crónica: Tradición e vangarda déronse a man na 36ª Festa da Carballeira de Zas

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Seivane, para celebrar os seus 20 anos de carreira, estivo máis ceca do público ca nunca, facendo parte da súa actuación entre os asistentes. Fotos: Festa da Carballeira
Crónica: Tradición e vangarda déronse a man na 36ª Festa da Carballeira de Zas

A XXXVI edición da Festa da Carballeira de Zas volveu converter a esta localidade da Costa da Morte nunha auténtica festa de cultura folk. Diversas actividades como a sesión vermú, o xantar e a foliada da tarde do sábado completaron unha gran programación que culminou cos concertos da noite no escenario situado na máxica Carballeira de Velar. 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Esta edición contou cuns mestres de cerimonia moi especiais, Mon e Ula, de Mononoulious Dop, quen foron os encargados de dar o pistoletazo de saída ás actuacións do venres. O espectáculo foi inaugurado por Perfusión, que deixaron pegada entre o público co seu particular espectáculo visual e sonoro. A segunda actuación da noite protagonizárona Susana Seivane e a súa gaita, cunha actuación que quedará para sempre na memoria dos asistentes, aos que a gaiteira fixo bailar e participar do seu espectáculo dun xeito único. A galega deu paso aos bretóns Celtic Social Club, que despregaron a súa xolda característica encima do escenario levantando aos asistentes. Os encargados de pechar a primeira noite da Carballeira foron Dakidarría, que co seu show musical puxeron o broche a unha noite de diversión e música.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Xa o sábado, a noite comezou co listón alto da man de Tanxugueiras, que fixeron que o público ateigase desde primeira hora un dos escenarios folk máis míticos de toda Galicia. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro amenizaron aos asistentes cun repertorio escollido con gusto e que acerca ao ouvinte ao mundo da pandeireta dun xeito fácil e moi natural, deixando momentos máxicos e para a memoria nos que se formaron simultaneamente rodas de xente bailando ao longo de toda a carballeira con temas como ‘Ai a ribeira’ ou de ‘A de sempre Ok’. Entre canción e canción, as canteiras protagonizaron o momento máis reivindicativo da noite, berrando polo empoderamento da muller, unha constante que sobrevoa o quefacer do grupo desde os seus inicios: “Son muller forte e libre. Vivamos as mulleres”, ao que engadiron “Igualdade xa”.

Colleron o relevo os vascos Korrontzi, que non deixaron indiferente a ningún dos alí presentes coa forza enerxía do seu directo: unha festa tradicional de música e danza vascas, na que tamén quixeron incluir a gaita galega. Os integrantes do grupo amosáronse  en varias ocasións agradecidos coa organización do festival zasense. “Foi un pracer ensinarvos a cultura vasca. Grazas por deixarnos representar Euskalerria. Arriba Galiza”, dixeron na súa despedida.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Tras eles chegaron Tide Lines, banda de folk pop escocesa que amenizou o ecuador da noite coas súas cancións en gaélico e inglés. Pola súa parte, o broche de ouro da noite veu da man de Baiuca e a súa banda, que conseguiron facer vibrar de novo a todo o público que aínda quedaba no recinto. Baixo o mando de Alejandro Guillán e cunha posta en escena espectacular, o grupo presentou o seu orixinal proxecto que mestura música galega e electrónica, e que achega a tradición ás xeracións máis novas. Temas como 'Solpor', 'Olvídame' ou 'Morriña' foron os máis cantados e bailados.

Comentarios