Imprimir

X Festilires: “Lires ponse no cumio da música galega da Costa da Morte”

que pasa na costa | 16 de Maio de 2019

Unha imaxe do Festival Folk de Lires de 2010
Unha imaxe do Festival Folk de Lires de 2010

Este sábado 18 de maio, a parroquia ceense de Lires acolle o X Festilires, unha das festas de música folk máis importantes da comarca. A partir das 20:00h subirán ao escenario os Gaiteiros do grupo local de Pedras Miúdas, antes que a Orquesta Tombalobos e o grupo da Pereiriña Peta Forte.

A partir das 23:00h comezan os pratos fortes, comezando polas Faíscas da Pontraga, e continuando por Luar na Lubre, que presenta na comarca o seu disco Ribeira Sacra. Pechará a noite o bravo Tonhito de Poi, alma dos Herdeiros, co seu show en solitario.

Festilires 2019

10 anos de historia

”A primeira edición foi moi modestiña con moi pouquiño presuposto... caeu tal cantidade de auga que o último grupo non puido tocar”, lembra Serxio Domíguez, un dos membros da organizadora Asociación Pedras Miúdas. Son 7 na directiva, pero este festival involucra a boa parte da veciñanza, consciente do que supón atraer tanta xente que despois volverá.

”Desde 2009 aquela até hoxe pois xa ves, multiplicamos o presuposto por 15 ou 20 e para celebrar o X aniversario apostamos por traer a Luar na Lubre, o grupo de referencia da música galega. Con esta cita Lires ponse no cumio da música galega da Costa da morte e é referente para os amantes da música do pais. Queremos e pretendemos seguir nesta liña”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cee/x-festilires-lires-ponse-cumio-da-musica-galega-da-costa-da-morte/20190516100042109750.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA