Martes. 30.04.2024
El tiempo
Abraham Trillo
07:56
08/04/24

De Pla a María Dolores

De Pla a María Dolores

Hai xa unha tempada que me vexo na obriga de frecuentar a estación de autobuses da cidade de A Coruña. Mentres fago tempo e espero pola máquina azul, entretéñome observando o que me rodea: mozas guapas, homes parvos, xente limpa, xente porca, vellas pesadas, vellos cansos de estar cansos, guitarras, tablas de surf, cans, gatos, burros, tioupas... De todo, xa digo. A estación de autobuses é un microcosmos.

Persoas pagándolle o billete a outras que quedaron sen cartos na tarxeta para o viaxe; xente intentándolle pegar ao condutor por non querer levalos, “de Carballo para abaixo! Falo árabe, ou que pasa?”; e a alguén dicir ao meu carón: “a algún chófer había que amansalo a ostias”. No medio deste tumulto impaciente e como ferroviario, tamén encontro a poetas vendendo versos. O poeta é un becho que está en todos os sitios. Raro é o pobo onde non haxa un municipal, un tolo, e un poeta. Xa se sabe que males hai en todas as familias, non imos a facer escarnio.

- Quieres un poema?
- Los regala?
- No, hombre! Los vendo!
- No me interesa, entonces.
- Venga, cómprame uno. Te lo dejo a euro cincuenta.
- Ya me llega con los que escribo yo, gracias.
- Ah, pero que tú también escribes.
- Por supuesto.
- Cómprame uno, va. Y a ver qué te parece.
- Déjeme leer uno, le digo lo que me parece, y se lo devuelvo.
- No. Yo los vendo.
- Entonces nada.
- Pero solo te lees a ti mismo, o que pasa?
- Claro. Es que a mi lo que me traiciona es el egocentrismo, ya sabe. Se nota que no me conoce.
- Pues que te jodan.
- Muy amable, igualmente.

Pla, Josep Pla, o mellor escritor en lingua catalá dos últimos cen anos, desprezado polos nacionalistas por ser un home libre, ten escrito sobre o tema. O autor ampurdanés, no seu libro “Viaje en autobús”, a través da súa prosa exacta e da súa visión profunda da realidade que o rodea, danos unha idea de como tiña que ser iso de viaxar neste medio de transporte a comezos do século XX. Dou por feito que, calquera das persoas que leron algo da obra de Pla, saben que era un viaxante empedernido. Periodista, pasou parte da súa vida viaxando a distintos lugares do Mundo, como Rusia, Reino Unido, Francia, Alemania, Portugal... tanto en autobús, xa digo, coma en barco, en coche, ou en moto. Sempre perseguindo a actualidade. A estas viaxes débelle títulos varios - “El tandem”, “Viaje a América”, “Viaje a Rusia”, “Un viaje frustrado”, etc-, aínda que poderiamos incluir outros que están paralelamente relacionados cos agora citados; refírome aos redactados nos hoteis, pensións, casas de aluguer, e demaais lugares polos que pasou durante estas expedicións.

Nalgún capítulo, reflexiona sobre a importancia da paciencia á hora de emprender unha empresa deste estilo. Paciencia, si, é o que a moitos coma a mín nos falta para aguantar as dúas horas de viaxe que nos separa da casa; para soportar ao tipo da nosa veira roncando, ao pelma co teléfono do asento de atrás, ou a ese de diante comendo polo frixido. Pero é transporte público, señores, e non queda outra. Ao que non lle guste que pida un taxi.

Don Quijote, segundo espuxo Umbral no discurso que recitou ao recoller o Premio Cervantes, inventaba paixóns para exercitarse. Eu, collo o bus.

A paciencia exercítase de moitas formas, así é. Dende que merquei uns cascos para oír música, a viaxe fáiseme máis amena. Entre Calamaro, Triana, María Dolores Pradera, Pucho Boedo, Krahe, e demaais perlas da música patria, chego a casa, se non co corpo descansado- que da comodidade dos asentos poderiamos falara noutra ocasión-, polo menos, coa mente medio tranquila.

MÁIS ARTIGOS DE ABRAHAM TRILLO

Comentarios