luns. 11.11.2024
El tiempo
Alberto Pose
12:25
02/03/11

Adestrar mal, lesión segura

Adestrar mal, lesión segura

Vou adicar este primeiro artigo a algo moi fundamental na práctica do fútbol, como é a importancia dos adestramentos, sobre todo, nas categorías inferiores onde non existe unha regularidade e constancia e pode causar todo tipo de lesións. A maioría destas lesións van ser musculares e articulares, a parte de outras moitas. Pero imos centrarnos nas musculares.

O meu obxectivo hoxe, é que os xogadores e adestradores entendan a importancia de levar a cabo un adestramento correctamente e regular para evitar lesións musculares e non ir botar unhas carreiras e para rematar unha “pachanga”. Gran verdade aquel que dicía: “Unha cousa é ir o adestramento, que van moitos, e outra ir adestrar, que o facemos poucos”.

Cada quen vai adestrar cando a circunstancias diarias así o permitan (traballo, estudos, enfermidades,…), a menos que exista un contrato polo medio (niveis xa profesionais) que lle obrigue a adestrar. Si é bo lembrar, que se un xogador está esgotado fisicamente (polo traballo; exemplo: na construción todo o día carrexando cousas) ou mentalmente (polos estudos o traballos non físicos), que acaba tamén esgotando fisicamente (aínda que moita xente pense o contrario), sería bo darlle reposo a ese corpo, xa que un adestramento podería provocar un sobreesforzo físico e ser contraproducente para o xogador. Ollo, seguro que moitos xogadores despois de ler esta frase, utilizarana coma escusa para faltar aos adestramentos, pero cada quen coa súa conciencia. Pensade que non se adestra para o adestrador, senón para un mesmo.

Por outra banda, os adestramentos (e tódolos deportes en xeral) poden ser unha moi boa vía de escape, para desconectar do estres laboral, dos exames,…e despexar a nosa mente, soltando toda esa contención mental que podemos ter ao largo día, facendo que rematemos relaxados e descansados.

Para comprender mellor as lesións musculares, poderíamos dar unha clase de mioloxía (ciencia que estuda os músculos), pero vamos a por un exemplo para que todo o mundo o poida entender, sen utilizar palabras raras.

Temos moitos músculos no corpo e de varios tipos que teñen varias función (xerar movemento e realizar función vitais entre as máis importantes). ¿Pero que é un músculo?

É coma unha masa que se contrae, que hai que por a punto, manter e coidar, que está enxertada nunha estrutura (esqueleto), e consegue que esa estrutura se mova coa axuda de varios motores (cerebro, corazón e pulmóns).

Pois esa masa chamada músculo é  a que temos que por a punto (pretempada), manter (tempada) e coidar (todo o ano) nos adestramentos.

Para adestrar esa masa ten que estar quente, para que se poda estirar e contraer e non rompa. Un exemplo: é coma a plastilina dos nenos. Se a intentamos estirar ó  máximo, rompe, pero se amasamos nela un tempo e logo estiramos, non romperá. De aí a importancia de quentar antes de calquera actividade física, evita lesións musculares, xa que estes están quentes, polo tanto máis elasticidade e pódense estirar máis.

Lesións musculares

Imos falar das lesións musculares máis sonadas (xa que hai moitos tipos) en termos que todo o mundo poda entender sen linguaxe técnica e dar uns consellos (darei simples consellos que un pode facer na casa, pero sempre hai que acudir os profesionais sanitarios e non desatender as recomendacións e tratamentos):

  • Maniotas (agujetas): é unha dor que aparece despois dunha inactividade, que vai acompañado dunha pequena limitación de movemento. Pasa co tempo, pero ca inxesta de bebidas electrolíticas (aquarius, powerade, isostar, etc.) e uns estiramentos (con coidado) axudaranos a recuperarnos mellor. Típicas na pretempada.
  • Sobrecarga muscular: como ben di a palabra, significa que fixemos un sobreesforzo e a nosa musculatura está que non pode máis e prodúcenos dor (ollo, non confundir coas maniotas). Pode ser debido a diferentes motivos, dende os exceso de exercicio ata o terreo de xogo duro onde se adestra. Na casa podemos facer o seguinte: O principal é dar repouso ao corpo, estirar con coidado, por algo de calor dúas veces ao día durante 20 min* e unha masaxe suave. Para non recaer nesta lesión, haberá que facer exercicios de fortalecemento do músculo afectado.
    * (non tódolos fisioterapeutas comparten esta opinión)
  • Contractura muscular: é unha contracción do músculo involuntaria, i é debido, ou a mala postura durante un esforzo, ou a un gran sobreesforzo muscular. Pode aparecer durante o adestramento ou despois. Non é unha lesión importante, pero necesita ser tratada por profesionais, pero podemos facer o seguinte: darlle repouso, calor e unha masaxe (fisioterapeuta, masaxista, etc.). Necesitará de tratamento farmacolóxico (receitado polo médico), aínda que con tratamento fisioterápeutico pode chegar.
    ¿Como se evitan este tipo de lesión? Quentando ben, corrección postural e un estiramento correcto (importante que o adestrador corrixa os malos hábitos).
  • Rotura ou microrotura de fibras: os músculos están formados por fibras e cando hai unha discontinuidade destas fibras, prodúcese a rotura. Motivos: moitos, dende un mal estado físico, mal calzado ata un golpe (bocadillo, entrada). Xeralmente vai acompañado dun hematoma (un moratón) nas primeiras 48 h. (aprox.). A recuperación desta lesión dependerá de cada xogador e o tratamento ten que ser médico e fisioterapéutico. Importantísmo cumprir os prazos de recuperación establecidos, se non haberá recaídas. Recomendacións: por frío nas primeiras 48 h.
  • Calambres: é un espasmo muscular involuntario, debido a perda de sales (por iso é importante a inxesta de líquido-Bebidas electrolíticas) ou a falta de osixenación do músculo, xa que estes viven del. Con estirar a parte afectada, soe pasar o pouco tempo. Son moi frecuentes na pretempada e cando hai un sobreesforzo. No caso do fútbol, soe darse na musculatura das pernas, xa que están máis distantes do corazón, que é quen bombea o sangue (o sangue é o encargado de transportar o osixeno ó músculo) e lle costa máis chegar as pernas.
  • Outras lesións: desgarros musculares, distensións musculares, elongacións musculares, etc. que deberán ser tratadas por profesionais sanitarios. E que nos, non poderemos facer gran cousa.

Como podedes ver, hai moitos tipos de lesións  e á recuperación non se lle vai poder por unha fecha, porque depende de cada quen (a medicina non é exacta, e cada persoa é un mundo diferente) e hai que ser pacientes e cumprir cós prazos de recuperación para non ter recaídas.

Adestramentos

Para rematar gustaríame dar unas recomendacións para os adestramentos que todo o mundo pode levar a cabo, que son moi sinxelas e evitar esas lesións tan inoportunas:

  • Chegar aos adestramentos descansados (na medida do posible) e con tempo para poder cambiarse con tranquilidade. Unha bota mal atada ou mal posta, pode traer consecuencias.
  • Quecer moi ben as articulacións con diferentes exercicios, para evitar escordaduras, distensións, etc.
  • Quecer o resto do corpo de forma axeitada (progresivamente, corrección postural) segundo as indicacións do adestrador cos seus respectivos tempos de recuperación que hai que aproveitar para osixenar ben a musculatura.
  • Saber parar e dicir basta, se un está forzando demasiado e ante calquera síntoma de mareo. Parar a tempo pode evitar unha lesión ou facela menos importante.
  • Durante o adestramento e o finalizar este mesmo, estirar ben pero con prudencia.
  • Moi importante a hidratación en calquera deporte. Auga, bebidas electrolíticas, pero non enerxéticas (red bull, burn), poden provocar un efecto adverso e incluso ser perigoso nalgúns casos (falarase noutro artigo deste mito).
  • Alimentación adecuada para recuperar o xusto e necesario.
  • Unha vez estamos adestrando, non parar durante moito tempo (durante as instrucións, exercicios tácticos) ou permanecer en movemento para non enfriar.

Seguramente que hai moitas máis recomendacións, pero estas son moi sinxelas e pódense levar a cabo sen problemas sen ser deportistas profesionais. Aínda que parecen tonterías, ¿cantos no nos lesionamos por chegar tarde o adestramento e incorporarse xa os demais sen quecer?

É importantísmo, que os adestradores do fútbol base, inculquen unha boa práctica de adestramento ós seus pupilos e máis sendo nenos que empezan, porque unha lesión a tan temperá idade, pode ter consecuencias nun futuro, xa que os rapaces están en pleno desarrollo músculo-esquelético.

Espero axudar así a darnos de conta que os adestramentos, son unha axuda para practicar o deporte que máis nos gusta en condicións óptimas. Facelo ben está nas mans de cada un. O obxectivo dos adestramentos a nivel físico é, entre outras cousas, facer que o noso corpo sexa máis áxil, potente, resistente e coordinado.

Artigos de Pablo Mouro

Comentarios