Martes. 19.03.2024
El tiempo
Domingo Guerra
11:49
21/07/20

A detección de riscos na prevención da corrupción

A detección de riscos na prevención da corrupción

Este pasado 15 de xullo de 2020 cumprín outro trienio como funcionario de carreira. E xa van once!!! Trinta e tres anos dedicado ao mesmo aínda que, na actualidade, unha parte significativa do meu traballo fundaméntase no desenvolvemento de actuacións de avaliación do control interno e detección de riscos en prevención da corrupción que, obviamente, compatibilizo coa habitual fiscalización externa dos nosos concellos.

Trátase de dúas funcións de auditoría pública que teñen por obxecto, entre outros, a revisión dos sistemas de control interno, para reforzalo. En ambos casos, formúlanse conclusións e recomendacións de mellora. Pero hai diferencias substanciais. A fundamental é o carácter anticipado propio da función de prevención da corrupción, pero tamén existen outras que afectan ao enfoque, metodoloxía e resultado das actuacións.

Unha área específica susceptible de dar lugar a riscos de xestión, incluídos riscos de corrupción, é a do urbanismo municipal. Por iso, no desenvolvemento de actuacións de avaliación do control interno e detección de riscos en materia de prevención da corrupción, sempre se analiza a organización administrativa, o planeamento e a xestión.

No que atinxe á organización, debido á complexidade da materia, tanto o persoal técnico como político debería ter unha formación adecuada para enfrontarse aos riscos e ás posibles presións particulares. Pero a realidade demostra que a carencia de persoal fai que as potestades públicas non se exerzan por funcionarios e, respecto da formación dos nosos políticos, moitos comparten que aínda queda moito camiño por percorrer.

En materia de planeamento, a discrecionalidade para xustificar a utilización dunha forma urbanística concreta, esixe que se formulen plans de viabilidade económica e de necesidade e impacto máis rigorosos. E que se supere tamén o exame da Xunta de Galicia na verificación desas xustificacións. Pero non se fai.

Por último, os riscos na xestión urbanística teñen que ver co cumprimento das determinacións estruturais (aproveitamentos, cesións obrigatorias, etc.) e co seguimento do estudo económico-financeiro (reaxustes, financiamento aportado, etc.). O control dos convenios urbanísticos e a xestión do patrimonio municipal do solo presentan elementos de riscos relevantes, que tamén procede revisar. 

Con todo, é preciso reforzar os mecanismos de denuncia e a acción popular, no control da legalidade urbanística, porque constitúen dous instrumentos que permiten mitigar riscos ante a inactividade administrativa municipal. Pero tampouco se fai. E isto é cousa de todos.

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios