Martes. 19.03.2024
El tiempo
Domingo Guerra
09:56
21/05/20

Navegando na «chalana»

A chalana de Domingo Guerra
A chalana de Domingo Guerra
Navegando na «chalana»

En forma de chalana é como prognostico que navegará a economía para superar esta crise. Nin en forma de V, de U, nin como estima o goberno, en forma de V asimétrica.

Ao comezo da crise, moitos expertos consideraban que a situación económica descendería de forma brusca para recuperarse rapidamente. Son os defensores do modelo en forma de V. Outros economistas falan de recuperación en forma de U, porque despois do forte descenso do PIB estiman que transcorrerá un tempo ata remontar, e que esa mellora provocará un forte crecemento ata acadar os niveis existentes antes da recesión. Pola súa parte, Nadia Calviño, ministra de Asuntos Económicos, contempla un escenario onde a forte contracción económica, consecuencia do descenso no segundo trimestre deste ano do consumo e da caída do investimento e das exportacións, desaparecerá ao longo do terceiro e cuarto trimestre de 2020, coma se dunha V asimétrica se tratara, onde o brazo que sube irá expandíndose de forma lenta pero progresiva durante todo o ano 2021.

A V asimétrica do Goberno

Sen embargo, son dos que opina que navegaremos por esta conxuntura en forma de chalana, porque a recesión provoca unha imaxe como a desa embarcación que se pode contemplar en calquera dos nosos portos: unha drástica e pronunciada caída do PIB, desde o primeiro trimestre ata o segundo trimestre de 2020, simulando a popa dunha chalana, pero que despois de loitar, contra vento e marea, durante o resto do ano e todo o exercicio 2021, como o longo e plano fondo da chalana, nos recuperaremos de forma progresiva, no ano 2022, tal que a proa do noso barco.

Todo iso confiando en que a chalana non naufrague, que non vaia a pique, que non se afunda. Porque, ao marxe das consideracións económicas, non quero pensar en que teñamos que volver a confinarnos, a estar encarcerados nas nosas vivendas, por un rebrote ou por un novo «coronavirus».

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios