Síndrome post vacacional
Agosto é dos poucos meses nas que os que nos adicamos a avogacía agardamos estar tranquilos; nos últimos tempos esa esperanza vese truncada polos vaivéns lexislativos, que parecen preferir o período estival para arribar ás nosas vidas, ao mellor nun intento de colarse nelas o máis desapercibidos posible ou de aliviar o síndrome post vacacional co estupor da lectura do BOE.
Nesta ocasión a novidade que nos trouxo agosto aos laboralistas e que ten gran transcedencia para tódolos traballadores e empresas ven introducida pola Ley Orgánica 2/2024, de 1 de agosto, de representación paritaria e presencia equilibrada de mulleres e homes (BOE n.º 186, de 2 de agosto de 2024). Por esta Lei orgánica modifícanse, entre outros os artigos 53 e 55 do Estatuto dos Traballadores, que tratan respectivamente sobre o despido obxectivo e disciplinario. Antes desta reforma, ambos artigos recollían expresamente a sanción de nulidade nos despedimentos que se efectuasen a aqueles traballadores que tivesen solicitado ou estivesen a disfrutar dunha adaptación de xornada para a conciliación da súa vida familiar e laboral. Con esta modificación desaparece a protección automática ós traballadores nestas circunstancias, que non esquezamos é unha das situacións que xeran na actualidade maior conflictividade coas empresas, e ábrese a opción a que os traballadores que soliciten ou se atopen disfrutando dunha medida de conciliación poidan ser despedidos. Se ben, os traballadores que sexan despedidos nesta situación poden demandar e demostrar que o despido trae causa na solicitude ou existencia da medida de conciliación con anterioridade non tiña que facer proba algunha desta circunstancia, xa que dende 2023, por lei, o despido efectuado nestas circunstancias considerábase nulo.
Non é o único suposto que perde a protección automática, xa que tamen se excluiu o suposto do disfrute do permiso de cinco días por hospitalización ou enfermidade grave, se ben este suposto, entendo que será bastante menos problemático que o anterior.
Dende o Ministerio de Igualdade fálase dun erro na tramitación parlamentaria. A través da Ley Orgánica de representación paritaria e presencia equilibrada de mulleres e homes, introducíase nesta protección automática fronte ó despedimento ós traballadores vítimas de violencia sexual; ó parecer dende o Ministerio traballaban cunha versión do artigo anterior, que inda non incluía os supostos de conciliación familiar e disfrute do permiso de cinco días por enfermidade grave, polo que non pasaron ó texto definitivo...en fin, difícil xustificar un erro deste calado nunha lei orgánica, que ten unha tramitación parlamentaria moi esixente. Dende o citado Ministerio, manifestan que o erro será corrixido no vindeiro curso lexislativo pero polo de agora a Lei, e a conseguinte reforma da normativa de despido, entran en vigor o 22 de agosto.
- Fátima Insua Canosa. Avogada laboralista apaixonada do seu traballo que colabora con distintos despachos e organizacións sindicais galegas e que cre que o coñecemento dos dereitos e obrigas dentro da relación laboral é básico para facelos valer.