Xoves. 18.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
11:49
12/12/19

De que estamos falando cando… falamos de sanidade: O Hospital que merecemos

Nova sobre o Hospital Virxe da Xunqueira
Nova sobre o Hospital Virxe da Xunqueira de 2003
De que estamos falando cando… falamos de sanidade: O Hospital que merecemos

A voltas co que sucede en Verín (a eliminación do hospital de esta vila ourensá do servizo de pediatría e prenatal, paritorio, etc) esta semana lembrei que existe algo que vai aínda mais aló do habitual nivel de insulto a intelixencia e desprezo co que a administración pública e alguns prevostes tratan a esta terra na que vivimos e aos que nela temos a mala idea de residir: as promesas.

Na foto que acompaña estas liñas, que me facilita alguén con ampla experiencia en materia de sanidade pública, pódese ver este artículo a 5 columnas do cuadernillo do xornal La Voz de Galicia en Carballo. Aló polo lonxano 2003 este tipo de anuncios eran habituais. Vale a pena lembrar que a choiva de millóns ao fio da catástrofe do Prestige e os cartos do boom inmobiliario seguían correndo sen dar sinais de esgotamento e a Xunta tiraba de carteira ao primeiro indicio de desafección. O Hospital de Cee fora inaugurado no 1997, pero era basicamente unha cáscara baleira e así o sentiron aqueles que ao longo de décadas o demandaron coma unha infraestrutura imprescindible nun lugar tan illado e desamparado como a nosa bisbarra. Así que, a pesares do desembarco de autoridades, a ninguén escapou que o edificio era iso, un edificio, pero sin nada dentro. Houbo que agardar case 6 anos a que a cousa collera velocidade e non foi ata 2003 cando se pudo dicir sen exaserar que o Hospital era un centro médico cualificado, con persoal sanitario e instalacións suficientes para atender as principais doenzas.

Pero 16 anos despois destes recortes, resulta cando menos simpático ver ata que punto un goberno resiste nada ou menos a hemeroteca. Non falo dun tertuliano calquera, non, falo dun goberno como o da Xunta. O anuncio dun anexo ao hospital que servise para dotar a este de medios en cardioloxía, diálese, hospital de día, etc, queda a día de hoxe coma outra nova infracción, outro vil escupitajo contra a cara dos residentes neste lugar triste e apartado. O anuncio, que acompañaba unha suposta inversión de máis de 11 millóns de euros, suscita un bo número de preguntas: Dado que nunca se fixo nada, a onde foron os cartos? Cal foi a cousa que si se fixo en lugar deste anexo inexistente? Si hai 16 anos era preciso ampliar un hospital recén aberto, que fará falla facer neste centro agora?

A golpe de 2020, o Hospital Virxe da Xunqueira segue sen departamento de Cardioloxía, pero tamén sen UCI 24 horas e cun servizo de hemodiálese intermitente que cada vez reduce máis as súas frecuencias. Non vou falar moito do simpático e dicharachero camión das Resonancias, que fai que os ochenteros pensemos naquel camión ao que se subía KITT para que Bonnie lle fixera os cambios de aceite e os mantementos mentres o ínclito Michael Knight (David Hasselhoff) agardaba dando cháchara apoiado nos mamparos da cabina.

Cando a golpe dun sábado calquera (sí, un sábado) as 8:30 da maña un entra, furtivo, no camión das resonancias, no aparcamento do hospital, pensa en si estará facendo algo ilegal. Eres unha sorte de James Bond de pacotiña, lesionado e camiño dun aparello que, coma primeira indicación dos fabricantes, leva escrito “non mover denantes do seu uso”.

Aja...

Pero fanche a resonancia, e iso é o mais importante. Así que calas. Logo outro día enfermas do corazón, algo máis que probable nun país coma o noso (cun menú coma o noso) e para atenderte debes desprazarte a unha hora e cuarto de distancia (agora si molan eses “dez minutos”, eh chavalote?) chova ou neve, mentres o médico non fai máis que dicirche que “evites sobresaltos”.

Aja...

Xa non falo de Oncoloxía, unicornio da sanidade en Galicia, que vive dunha centralidade estrana, incluso a hora de ofrecer datos reais de incidencia do cancro por concellos, un análise que podería revelar cousas que, parece, non interesa moito coñecer... ou que a xente os coñeza, máis ben. Un proceso de quimioterapia implica non só un sufrimento físico derivado da terapia, senón que tamén implica máis horas de coche e estrada.... si, vale a pena calar.

Resumindo, este tipo de recordos só serven para que confirme o nivel de estulticia ao que nos somete o goberno galego. E antes de que algún listo diga nada, o goberno bipartito chegou a Xunta en 2005 e só estivo ao fronte dela durante 4 anos. O resto do incumprimento desta promesa, tan cacarexada (coma tantas outras) polo xornal de cabeceira do PP en Galicia, é todiño obra do mesmo Feijoo que agora utiliza aos médicos para atrincherarse na súa decisión de eliminar o paritorio de Verín. O mesmo personaxe que prometía dende o goberno galego (aínda non era presidente) incumpliu despois dende a presidencia, sen rubor algún. E o peor é que sempre haberá quen o xustifique. Todo parece moi razoable cando o di segundo quen. Pero ao fin, as malas decisións, os “esquecementos” e os incumprimentos os pagan sempre os mesmos. Este tan palmario de 2003 o pagamos todos, a base de contar con menos servizos e dunha atención sanitaria deficiente. Unha atención que pagamos, tedeo ben claro, todos e todas.

A recibamos ou non, a pagamos ben pagada. E nola deben.

DE QUE ESTAMOS FALANDO...

OUTROS ARTIGOS DE JOSÉ LUÍS LOUZÁN

 

INFORMES SOCIOECONÓMICOS DE JOSÉ LUÍS LOUZÁN

Comentarios