Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O mes de decembro en Bos Aires

O mes de decembro en Bos Aires
Doña Macrigaita está recordando aqueles calurosos meses de decembro da súa infancia e mocidade. Antes o sol quentaba cando tiña que quentar. Agora é un relaxo co clima xa que un día te arrastra o vento e outro se nubla e outro cae tal cantidade de auga que necesitas un salvavidas para saír á vereda. Neste mes a nai repetía sempre que non se afacía a un Nadal con ventilador e a unha cea na que non podía faltar unha fonte grande de ensalada con leituga, tomate e un pouquiño de cebola. O pai recordaba refráns da aldea que facían referencia ao inverno: "O día de Santa Lucía mingua a noite e medra o día", "Nadal mollado e xaneiro ben xeado", "Nadal choivoso, xaneiro ventoso".

Nestes días posteriores á asunción de Alberto Fernández ándalle dando voltas ao recente cambio na presidencia do país. Está claro que se está facendo maior porque estes catro anos lle pasaron voando. Non pensa moverse da súa casa en todo o verán. Acomodarase na reposera e debaixo da parra dedicarase a matear para desintoxicarse da súa adicción ao macrismo. Recoñece que durante estes catro anos foi unha fiel devota de Macri, pero acabouse. Agora é o momento indicado para pasarse ás filas do "albertismo", é dicir, para bancar ao novo presidente. Arrepíntese do seu anterior apoio a un falluto que a defraudou e enganou ao incumplir todas as súas promesas electorais. 

Foi unha máis das miles de xubiladas que creron a Macri cando dixo que ninguén ía perder dereitos e que a inflación era algo que o arranxaría para que deixase de ser un problema endémico na Arxentina. Ten que darlle a razón á súa sobrina de Vila do Parque que insistía en descualificar ao grupo de xornalistas (ela chámaos mercenarios mediáticos) ao servizo do desinformador Magnetto-Clarinete que presentaron a Macriafane como a gran marabilla empresarial que arranxaría todos os problemas do país. Enfadábase con ela cando dicía que era un indocumentado que tiña por única profesión a de ser un experto contrabandista.

Séntese mal e ponse triste que se confirmara que Macri, ademais de chorro, é un rostro de pedra que non ten reparos en negarche o que están vendo os teus ollos. Hai que recoñecerlle á prensa corrupta a súa exitoso labor ao poñelo nun alto pedestal e convertelo no líder máximo no aumento da pobreza e a desocupación laboral na Arxentina. Eu non entendo nada de política e menos de economía pero algo non vai ben cando no teu propio barrio ves baixar a persiana ao carniceiro, ao panadeiro e ao pizzeiro da esquina. Algo non funciona cando pechan centos de comercios e fábricas, malia a entrada de millóns de dólares en préstamos. Antes movíase a guita e as tarifas de auga, gas e luz eran moi razoables. Eu vía que non me alcanzaba a prata da xubilación e tiven que deixar de comprar o meu queixo preferido pero era incapaz de relacionar a miña escaseza e a miña perda de poder adquisitivo coa acción do goberno. Era unha boluda pero aínda que un pouco tarde, aviveime.

Doña Macrigaita alégrase de que regrese ao ministerio de Saúde Pública o “gayego” Ginés. É persoa honrada, competente e con recoñecida experiencia na moi difícil tarefa de recuperación dos abandonados servizos públicos de asistencia médico-hospitalaria. Se cadra con Ginés pódese arranxar o tema da donación do hospital do Centro Galego de Bos Aires. Os emigrantes construíron na esquina de Belgrano e Pasco para que fose herdado polas súas descendientes arxentinos. Si é unha empresa privada a que se aproveita do esforzo emigrante, é evidente que se está incumpliendo coa vontade dos sudadores e sudadoras que cruzaron o mar para facer un niño nas beiras do Prata. Ten pensado ir ver ao ministro. O primeiro será preguntarlle polas súas orixes familiares (mira si coinciden cos seus!) e logo pediralle que teña en conta o importante valor patrimonial que os galegos poden e deberían de aportar mediante unha donación. É o máis xusto para axudar ao melloramento da sanidade pública no país que abriu as súas portas a todo galego que buscase labrarse un futuro na nobre e xenerosa República Arxentina. 

UN ANO EN BOS AIRES

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Comentarios