Xoves. 22.08.2019
El tiempo
Manuel Suárez Suárez
11:19
02/08/19

O mes de agosto en Bos Aires

O mes de agosto en Bos Aires

No inverno porteño é cando doña Macrigaita máis se acorda dos seus pais. Naqueles días fríos falábanlle da alegría que sentían ao chegar as festas patronais nas aldeas de orixe. Acórdase que repetían un refrán sobre o mal augurio da choiva estival: A chuvia de agosto non trae bo viño nin bo magosto. Tiveron que morrer os pais para entender a gran importancia que lle daban á climatoloxía nos labores agrícolas. Sempre creu que en Galicia chovía cando se necesitaba e que era puro romanticismo tal como o expresaba García Lorca en Chove en Santiago meu doce amor. Recentemente agora, un pouco tarde, avivouse da gran riqueza que tiña Galicia ao ser o berce duns seres humanos extraordinarios.

É evidente que o descrédito e afundimento do hospital do Centro Galego de Bos Aires é un gran fracaso que non poden ocultar os descendientes da emigración galega na Arxentina. Onte, eu mesma, afirmaba moi convencida que eramos uns gañadores. Bueno, quizais me deixei levar pola fanfarronería calabresa ao sumarme ao amplo grupo dos garroneros que nunca laburaron. Somos uns infelices que non fomos capaces de manter unha obra que recibimos en herdanza. Tamén me prendín, como unha boluda máis, a envexar ao que menos ten. Agora recoñezo que don Mauricio nos cagou ben de ben xa que me custou darme conta de que o envexoso macrista non quere o que eu teño, o que quere é que eu non o teña.

Fai uns días leu algo que a entristeceu. Malia que é de 1955 non coñecía o que lles dixo Arturo Rial aos traballadores municipais: “Saiban vostedes que a Revolución Libertadora fíxose para que neste bendito país, o fillo do barrendeiro morra barrendeiro”. É un asqueroso que renega dos seus proxenitores galegos. Se puido ir á Escola Naval foi grazas ao galego barrendeiro que suou para buscar un futuro aos seus descendientes. Quere facer constar que aínda que votou a Macri non está dacordo para nada cos desagradecidos que se esquecen das raíces. O de Rial fíxolle recordar ás babosadas racistas do lercho de González Fraga que é outro dexenerado que insiste en ensuciar a memoria dos nobres devanceiros galaicos.

Fai uns días, chamouna a súa amiga de sempre da “Agrupación” para invitala a unha reunión co empresario titular do Grupo Olmos na esquina de Belgrano e Pasco. Non se freou nada. Comentoulle que xa non consome máis pichicata macrista (agora pasouse á yerba "Abuelita") e que a un funeral non se lle chama festa. Hai que ser infelices e ter pouca vergonza para achegarse a morfar uns sanguchitos en compañía dunha empresa que está despedindo a todos os traballadores que acumulen antigüidade. Non queren pagar e a experiencia impórtalles un carallo. Algo malo tiña que ter Olmos para que lle servise ao desgraciado de Moyano que, por certo, segue chupando logo de converter ao Centro Galego nunha entidade con menos socios que a Asociación de Veciños de Monte Chingolo.

A doña Macrigaita gustaríalle achegarse ata Colonia para comprar yerba. Estáselle terminando a que lle regalou a súa curmá de Vila do Parque. Claro que si o pensa ben, non aforra nada, ao ter que agregar a pasaxe en “Buquebus”. Ademais con este frío non é recomendable cruzar á Banda Oriental. O prezo en Uruguai é de 230 pesos (co dólar a 35 pesos) e acá non se consegue por menos de 650 (co dólar a 45). Vaise a quedar mateando no barrio, tranquila, sen darlle máis voltas porque aínda que “Abuelita” é cara para unha xubilada, ao final sae barata ao prescindir de tres medicamentos que se tomaba diariamente. Espera que despois do 27 de outubro súbanlle a xubilación. Quere acabar os seus días vendo que o benestar perdido recupérase se non metes a gamba nas urnas.

UN ANO EN BOS AIRES

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

comentarios