Martes. 12.11.2019
El tiempo
Manuel Suárez Suárez
12:46
04/09/19

O mes de setembro en Bos Aires

O mes de setembro en Bos Aires

Neste mes doña Macrigaita fai un pouco de memoria da súa infancia porteña para recordar que os pais falaban de que en Galicia tiñan lugar as últimas festas do verán. O tempo era moi variable xa que en “setembro ou leva as pontes ou seca as fontes” ou tamén “en setembro non hai vella que non tembre". O domingo veu a merendar a curmá de Vila do Parque. Preparou uns “panqueques” seguindo a receita da nai. Comentoulle á curmá que a súa nai repetía unha e outra vez que aínda que o millo arxentino era excelente o problema estaba no auga da capital que non permitía unha masa para as filloas coa elasticidade xusta como a da súa mocidade na aldea. Preparou o mate co seu curativa herba montevideana “Abuelita” e puxo tamén na mesa un tarro de doce de leite para a curmá. Ela soamente ponlle un pouco de azucre por arriba ao estilo gayego.

Mentres charlaban de vellas historias, á curmá ocórreuselle comentar, ao ir poñerlle doce de leite á terceira filloa, que non vai ver máis o programa de Mirtha; nunca máis, acabouse. Dille, enoxada: É horrible, a verdade non esperaba que logo da boa guita que lle deu Macri, salga da cancha para desmarcarse. Agora é doña Panqueque Legrand. Así nos vai na Arxentina, non hai principios, sempre con intereses polo medio. Ao final da súa vida non necesitaba ensuciarse deste xeito. O seu deber é manterse firme á beira de Macri porque é evidente que non fracasou, ao contrario, é máis rico que nunca. Que desilusión! Caéuseme unha ídola! Estamos na lona e véñense os peronistas outra vez a darlle asado aos graxa que non laburan. Non aprendemos máis pero polo menos, espero que o novo presidente consiga que veña o Papa a darnos a súa bendición nunha misa na cancha de San Lorenzo.

Despois que se fora a curmá, estivo dándolle voltas ao retorno dos peronistas. Non entende que o alegre goberno macrista se vaia coa cabeza gacha e o rabo entre as pernas. O equipo completo debería saír da Rosada cun sorriso. Non perderon xa que entraron cuns cen mil dólares na conta e saen con varios millóns. É certo que os gañaron con esforzo e algo de sufrimento ao ter que devaluar o seu querido peso arxentino. Acá hai algo que non me pecha pero como non entendo nada de economía. Refírome a que si antes o dólar estaba a 10 e agora anda nos 60, é evidente que saben darlle o valor que se merece. Con Cristina menosprezábase e así, dicían os que saben, non camiña a economía porque si o freas, o país non avanza. Non me queda claro o volver a pichicatear ao dólar con “Cepolín”. Non quero pensar que Macri me está cagando.

Doña Macrigaita segue sen aparecer pola esquina de Belgrano e Pasco. Dixéronlle que o interventor intercedeu diante do grupo concesionario Olmos-Basea para que se lle brinde aos auténticos macrigaitas, gratis e sen receita, unha caixa mensual de 30 pastillas de "Cepolín". Bueno, ao fin avivouse o ñoqui de Moyano. Custoulle entender que non había nada que negociar coas moi diminuídas Agrupaciones. Son pouco máis de media ducia de infelices trasnoitados que din defender o Centro Galego pero son os responsables do seu afundimento ao defender a un goberno que é activo promotor da pechadura de mutualistas. Non se esquece de que o ministro macrigaita Lemus non se achegou ao Centro Galego. Bueno, está desculpado xa que é probable que buscase manter en segredo a súa orixe familiar para non afectar negativamente á fermosa paisaxe do municipio soneirán de Vimianzo. Está convencida de que matear con "Abuelita" lle mellora a saúde e de paso, aforra uns pesos.

UN ANO EN BOS AIRES

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

comentarios