Sábado. 20.07.2019
El tiempo
Manuel Suárez Suárez
12:35
04/07/19

O mes de xullo en Bos Aires

O mes de xullo en Bos Aires

Doña Macrigaita considérase unha boa filla de galegos. Non se esquece de celebrar, no mes de xullo, o día do Apóstolo Santiago seguindo a tradición familiar de cociñar un bo caldo xa que acá é inverno. Espera que veña a súa curmá de Villa del Parque porque andan un pouco distanciadas desde que nas anteriores eleccións insistiulle en que votar a Macri é o suicidio da clase media. Bueno, terá que darlle a razón aínda que lle custa moito ter que recoñecer que o actual presidente enganouna coma se fose unha ignorante máis desas tolas soltas que repiten alabanzas a Perón.

Sobre o caldo galego a nai dicía que ”o caldo que non leva un pouco de unto non está non seu punto”, así que lle pedirá un anaco de unto ao gran cociñeiro Curral para que ao ferver as verduras queden co sabor axeitado. Tamén comprará pan (a pena é que pechou a panadería do gayego da esquina que aguantou ata poder xubilarse) para cumprir o vello devandito de que “caldo sen pan, dáselle ó can”. Neste mes, de pleno verán en Galicia, os pais recordaban con todo detalle as súas festas de mocidade. Falábanlle de San Cristovo (10 de xullo) e de Santa Mariña (18 de xullo) e de Santiago Apóstolo (o 25) pero naqueles tempos dáballes pouca bola.

Á tardiña, vai sorprender á curmá cunhas boas cebadas de mate co seu curativa yerba “Abuelita”. Se cadra, segundo sexa o comentario da curmá sobre o mate, infórmalle que a yerba é montevideana (elaborada por Yerbatera Campión) e que ten un poquito de marihuana. Estivo lendo un pouco. Agora sabe que o bo desta yerba está no CBD (cannabidiol) que contén. Unha infinidade de estudos científicos recoméndano polos seus beneficios: antinflamatorio, anticonvulsivo, antioxidante, relaxante muscular e neuroprotector. O quilo de yerba anda nos seis dólares pero evítache andar co estómago rebentado por efecto das pastillas.

Proponse quentar un pouco a casa e poñerse un gorro de la na cabeza para non saír en todo o mes do barrio. Non quere achegarse ao hospital do Centro Galego. Dixéronlle que está en mans privadas. É moi triste e decepcionante que o goberno que apoiou se puxera ao lado do negocio. Macri prometeu que ninguén ía perder dereitos e é evidente que mentiu descaradamente porque ademais da subida tola dos medicamentos tamén lle sacou o seu mutualista de toda a vida. Non entende nada. De que cambio estamos falando?

Antes das eleccións dicíase que o país estaba fundido polo afane da chorra de Cristina. Agora que se acabou o afane estamos no forno. Macri non pode deixar que pechen industrias e que miles de comercios baixen a persiana. Ao final, por incrible que pareza, van volver ao goberno nacional os graxa peronista co dúo gayego “Efe e Efe” á cabeza. Entrarán na Casa Rosada cun parche na man para poñer na roda traseira da bicicleta do benestar que pinchó o alegre coimero calabrés que se fixo pasar por experto e rápido arreglador de problemas que non existían.

UN ANO EN BOS AIRES

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

comentarios