Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Quero estar en Ribadeo o 28 de xullo do 2024

Eduardo Gutiérrez e Xosé Mª Monterroso Devesa e Manuel Suárez Suárez en Ribadeo o 18 de outubro de 1980
Eduardo Gutiérrez e Xosé Mª Monterroso Devesa e Manuel Suárez Suárez en Ribadeo o 17 de outubro de 1980
Quero estar en Ribadeo o 28 de xullo do 2024

Agardo non ter ningún atranco para achegarme pola beira do Eo a finais do mes de xullo do ano 2024. Quero lembrar a Xosé Alonso Trelles Xarén (El Viejo Pancho) na conmemoración do centenario do seu falecemento na capital da República Oriental do Uruguai. Sendo secretario do Patronato da Cultura Galega de Montevideo fixen a presentación, na súa vila natal, do libro El Viejo Pancho. Un gallego en la poesía nativista oriental da autoría de Pedro R. Barreiro. O acto tivo lugar o 17 de outubro de 1980 na biblioteca municipal e coa compaña de Eduardo Gutiérrez e Xosé Mª Monterroso Devesa. A publicación, dentro do selo editorial do Patronato, inclúe un moi ilustrativo limiar do prof. Carlos Zubillaga Barrera –-neto de Ribadeo por liña materna--- no que escribe: El Viejo Pancho, gallego decidor en pagos orientales, heredero de un pueblo que contó en su historia con los irmandiños libertarios que no quisieron soportar el yugo de la opresión señorial, sintió una admiración profunda por la figura prócer del caudillo oriental y la exaltó en versos de sencilla factura, pero de entrañable significación, que son a la vez una suerte de testamento patriótico de este inmigrante aquerenciado en el solar rioplatense.

Manuel Suarez a esquerda en Ribadeo
Manuel Suárez, á esquerda, nun acto celebrado na Asociación Cultural O Facho da Coruña​
 

Libro El Viejo PancholCreo necesario suliñar que no seo do Patronato da Cultura Galega sempre houbo moita admiración pola creación literaria dun emigrante que estaba fondamente preocupado polo esquecemento dos usos e tradicións xa que “costumbres originales y sencillas van despareciendo para dar lugar a refinamientos corruptores llamados a transformar el carácter y el espíritu” [El Tala Cómico, 1895]. Lembro que foi Zubillaga quen me recomendou a lectura de “El Cantor del Tala” de Juan Carlos Sabat Pebet e comentoume que o autor publicaba a partida de bautismo que pechaba a discusión sobre o lugar de nacemento. Outros compañeiros que empurraban con entusiasmo para que se recuperase a súa casa no Tala (pequena vila do Departamento de Canelones) como biblioteca pública eran Fernando Pereira, Yolanda Díaz e Roxelio Martínez.

Hai uns días que recibín de parte do amigo Monterroso Devesa a súa tradución ao galego do famoso poema ¡Hopa...Hopa...Hopa!  [foi gravado por Carlos Gardel en 1927 con música de Roberto Fugazot] feita especialmente para o Centro Cultural Gallego-Uruguayo de Tala. Quero que se coñeza para ir abrindo o camiño que nos levará ata Ribadeo en xullo do 2024. É certo que hai tempo pero para  unha axeitada celebración débese de comprometer a participación do concello, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Consulado do Uruguai. Non teño dúbida de que o 28 de xullo do 2024 será o comezo dunha serie de actividades culturais que encherán Ribadeo cos versos dun poeta do xénero gauchesco ou nativista que é un creador literario de moito recoñecemento nas dúas beiras do Río da Prata.

Case empardecendo, pertiño do rancho,
mentres palicaba coas miñas derrotas,
sentín un balbordo como de pesuños
e o berro campeiro de hopa, hopa, hopa!

Saín e no escuro vín un empochado
levando suxeitos lazo e boleadoras,
que ao paso tranquilo dun matungo zaino
arreaba unhas reses que eran como sombras

Agarde, parceiro, -díxenlle- desculpe:
que animais son eses que leva e p'ra onde?
-Eu voulle p'ra feira dos gaúchos parvos
a vender milleiros de esperanzas tolas.

-Se o mercado cumpre e, lambereteiro,
volta pola zona en procura doutras,
saiba que lle teño os curráis ben cheos
e tal vez de balde llas entregue todas.

Sorríu o arrieiro, que era o Desengano,
aguilloou o zaino camiño das sombras...
e inda escoitar podo ao vento da noite
traerme o seu berro de hopa, hopa, hopa!

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios