Martes. 19.03.2024
El tiempo

O entruido máis occidental de Europa

O entruido máis occidental de Europa

Hai agora vinte anos que fun o pregoeiro no entroido (alí é entruido) da fermosa vila mariñeira de Fisterra. O convite fíxome lembrar a fonda emoción que sentín, corenta anos antes, en  Montevideo. Os meus pais leváronme a ver o desfile inaugural do “Carnaval 1961” que se celebraba na principal avenida da capital uruguaia. A avenida chámase “18 de Julio” en recordo do 18/7/1830 que foi cando se aprobou a primeira Constitución da nacente República Oriental do Uruguai. O neno emigrante nunca vira cousa igual e axiña pasaron as dúas horas na beirarrrúa da esquina de “18” e Río Negro.

Os carros (alí son as carrozas) abren o desfile e son realmente grandes camións totalmente recubertos de imaxes de cartón pedra con diferentes motivos que levan enriba a mulleres e homes disfrazados que saúdan aos asistentes. Un dos carros, sempre presente, é o da Raíña do Entroido que lembro ía sentada nun altar e saudaba a dereita e a esquerda durante todo o percorrido que anos despois souben ía desde a praza da Independencia ata o Obelisco. Despois dos carros foron pasando as agrupacións (murgas) que participaban do Concurso Oficial e logo o que máis me sorprendeu, os grupos de Candombe. Sentín que aqueles tamborís tiñan unha forza musical que me fixo tremer. Aquel ritmo de percusión (que despois souben veu de África cos escravos) chamado “candombe” foi o meu compañeiro durante a infancia e xuventude nun Montevideo soildario que me abriu as portas da súa lareira de irmandade na beira riopratense.


PREGÓN 
[Fisterra, 24 de febreiro do 2001]

En febreiro do ano 1961, hai agora corenta anos, un neno emigrante en Montevideo ía camiño de sentir a súa primeira grande emoción en terra americana. Collido da man dos seus pais quedou abraiado diante da ringleira de carros alegóricos, comparsas e do rítmico soar dos tamborís que o sorprendían. Nunca vira tanta xente xunta, uns rindo e outros cantando.

Se aquelo era América pois estaba nun lugar máxico, cheo de alegría, cor e música. 
Se aquelo era América,  a verdade é que pouca semellanza tiña coa aldea de Tines.
Se aquelo era América, había que agradecer poder estar alí gozando entre tanta diversión. 

    Hoxe, corenta anos despois, o mesmo neno – eso sí un pouco máis vello—sinte que en FISTERRA hai a mesma alegría porque o pobo mariñeiro fisterrán participa en algo auténtico de antiga tradición e sendo concientes de que o entruido máis occidental de Europa forma parte do seu patrimonio cultural. Un patrimonio que non corre ningún risco pois está na alma popular e cada ano hai máis forza, máis participación e máis confraternidade entre tódolos veciños. Desde os anos vinte sempre houbo aquí en FISTERRA comparsas que puxeran a súa creatividade ao servizo dos cidadáns. As comparsas foron e son unha magnífica canle de expresión para mediante a seriedade do humor poder expresar críticas, opinións, recomendacións e así axudar nunha mellor xestión municipal. Como ben dicía CASTELAO, o humor é cousa seria e desde os tempos da  moi recordada comparsa “Los Diablos” así sempre o entenderon as agrupacións fisterráns, que fixeron gala da máis enxebre e filosófica retranca en versos e rimas desfacedoras de entuertos.
Neste ano hai seis comparsas en concurso:
CASINO (As vacas tolas)
BOA VIDA (As duasmil e unha noites)
ROMBOS (Mulán)
ANCHOA (Os brasileiros)
TOM PULGAR (As personases dos contos de Disney)
GALERÍA (Os indios)

As seis comparsas suman 352 persoas. Son 352 fisterráns que teñen a responsabilidade de alumear os seus candís para que a vila mariñeira mellore e sexa realidade a coñecida máxima de Santo Agostiño:
        No necesario, unidade;
        no discutible, liberdade
        en todo, caridade.
Vós, meus prezados fisterráns, sodes ricos e fortes xa que tedes dúas lanternas e por tanto dúas luces: a do faro que alumea os vieiros do mar e a do entruido que alumea nos vosos corazóns. 
Vós, sodes fillos da loita e do esforzo, do vento e do mar e podedes abanear, pero nunca crebar porque tedes unhas  fortes e milenarias raiceiras que vos xunguen a este fermoso anaco de curruncho atlántico.

Que haxa alegría na ocasión,
con ou sin linqueirón,
que bebades con moderación,
para non estragala diversión

                                   Adiante e longa vida para o entruido de FISTERRA!

 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo


     

Comentarios