Un moi xenial enxeñeiro: Eladio Dieste Saint Martin
A UNESCO vén de incluír na listaxe de Patrimonio Mundial da Humanidade a unha obra arquitectónica que está na República Oriental do Uruguai. Trátase da igrexa do “Cristo Obreiro” que se ergue na Estación Atlántida [Canelones] a pouco menos de 50 km de Montevideo. Coñezo a construcción e coñecín a seu autor, o enxeñeiro Eladio Dieste Saint Martin, a quen tiven a honra de presentar nunha charla sobre Castelao no Patronato da Cultura Galega. Lembro que houbo que convencelo. Era moi discreto e tamén humilde xa que dicía non saber case nada sobre a vida e a obra do noso egrexio rianxeiro. Se aceptou foi pola insistencia do doutor Couceiro con quen tiña unha moi boa amistade. Don Pedro díxolle que era unha conversa entre amigos e que abondaba con falar dos seus recordos das visitas familiares a Rianxo. Foi moi emotivo escoitar o percorrido sentimental do sobriño uruguaio de Rafael Dieste polas rúas da vila onde naceron os seus ancestros paternos.
A familia Dieste é un moi bo exemplo de que a emigración non puido fender o sentimento de identidade afectiva entre a beira atlántica do norte e a do sur. O certo é que a Banda Oriental está sempre presente na vida cotiá da mariñeira vila de Rianxo. O pai de don Eladio (Eladio Dieste Gonçalves) polas tardes toma o seu mate na compaña da esposa salteña (Elisa Saint Martin, de familia francesa, naceu en Salto) coa que comenta sobre as voltas da vida mentras lembra as fermosas palmeiras de butiá que o viron nacer en Castillos (Rocha). En Montevideo coñecín a Mireia (Mireya-Magdalena Dieste Fernández) que era filla de Eduardo Dieste Gonçalces e viña na compaña de Luís Seoane a un acto na recén inaugurada sede propia do Patronato da Cultura Galega. Foime presentada por Fernando Pereira Caamaño e lembro que levaba un fermoso colgante de cerámica de “Sargadelos” coa forma do escudo de Galicia. Conteille que o seu cuñado (Ramón Baltar Domínguez) fora quen me atendera en Santiago de Compostela por mor das 33 dentelladas que me fixera un lobo ou loba nun monte da miña aldea de Tines. Alí foi onde me dixo que nacera en Montevideo (eu pensaba que fora en Bos Aires) pero que con seis anos xa estaba en Londres por mor do destino diplomático de seu pai. Eu aínda non coñecía a don Eladio e non lle fixen ningunha pregunta sobre o seu curmán enxeñeiro que xa de aquela, coido foi en 1974, tiña erguido varias obras de enorme calidade e orixinalidade.
A fama de don Eladio e o recoñecemento mundial do seu labor, básease na súa creación da curva catenaria que é unha innovación constructiva xa que achega a bóveda de ladrillos e que di Juan Grompone (enxeñeiro montevideano) foi “unha xenialidade pola sinxeleza da súa concepción e pola influencia na arquitectura moderna”. Pola súa valiosa traxectoria profesional foi premiado pola Universidade da República (UDELAR) como Arquitecto Honorario. O ano 2005 foi o “Dieste Year” por designación do MOMA de New York e a Princeton University e o MIT de Massachusetts. O arquitecto arxentino Pablo Castro expresa: A súa arquitectura non se pode encadrar nun estilo. É orixinal, sorprendente e de resistencia xa que resiste as correntes e modas dominantes. A maior innovación do século XX comeza con Gaudí e remata con Dieste”. Don Eladio foi un firme defensor da convivencia democrática que nunca agachou o seu pensamento. No ano 1971 foi o candidato do Frente Amplio á Intendencia de Artigas. En 1973 deixa a súa cátedra na facultade de Enxeñería despois de que os golpistas interveñan dictatorialmente o ensino universitario.
Hai infinidade de publicacións (recomendo a lectura de Crónicas Migrantes de Armando Olveira Ramos) que estudan a súa obra e houbo exposicións en varios países pero eu penso e propoño que se lle faga unha homenaxe en Rianxo xa que don Eladio é un membro máis do excelso grupo de rianxeiros que alumean os roteiros das nosas futuras singraduras. O seu fillo arquitecto, Esteban, expresa en referencia a igrexa que foi premiada pola UNESCO: O meu pai era un grande humanista e considero que esa igrexa é coma un resumo das súas ideas en canto ao devir da humanidade de cara a un mundo mellor. A filla de Torres García, Olimpia, di que: Eladio tiña unha grande admiración pola construcción na Idade Media e por como se fixeron as catedrais, nas que cadanseu levaba unha pedra e poñíaa alí. El quería facer iso, ladrillo a ladrillo. Nuria Sanz (Sección América/Centro do Patrimonio Mundial) expresa o seguinte: Dieste utiliza o ladrillo coa linguaxe da flexibilidade. A súa obra non ten un milímetro de pesadez, nin de limitacións constructivas nin lumínicas. O seu é a solidez material e a expresión inmaterial. Inventa formas de ingreso da luz, move os eixos. A súa mensaxe é que “non hai que erguer a voz para facer barullo”; xa que así era el”.
- Manuel Suárez Suárez, Dende Lonxe de Montevideo.
OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO
- Imos volver!.
- Pobre o meu Uruguai querido!.
- ¡Vos tenés que hacer siempre los deberes!.
- O entruido máis occidental de Europa.
- Montevideo, un lugar cheo de alegría.
- Bo camiño, Tabaré!.
- Vou a Montevideo.
- Moitas grazas, don Xosé.
- O polisón que casou coa miña curmá da Valiña.
- Aquel primeiro domingo en Montevideo.
- Imos volver!.
- Maracanaço.
- Un ferreiro de Tines en Montevideo.
- Aproveitemos o verán frenteamplista antes de que se nuble o sol!.
- Imos coa ola da esperanza.
- Un pequeno paseo por un recuncho do paraíso atlántico galego.
- O futuro da Casa de Galicia de Montevideo.
- As portas do Centro Galego de Bos Aires.