Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Marisol Soneira
12:32
29/04/19

O pobo é quen máis ordena…

Eleccions Xerais 2019 Costa da Morte - Xerais 28A VOTOS
Resultados das Eleccións Xerais 2019 na Costa da Morte
O pobo é quen máis ordena…

Dicía Zeca Afonso, na mítica Grándola Vila Morena, o povo é quen mais ordena... e vaia se ordenou!

Onte pasaron cousas moi importantes. A primeira é que, nunha afluencia extraordinaria, o pobo español, en absoluta liberdade, non considera que Sánchez sexa un okupa na Moncloa e que, por tanto, é un presidente lexítimo que a partir de agora mesmo conta cun respaldo moito maior que cando accedeu ao cargo.

A segunda é que non comulga co modelo de sociedade que propoñe a ultradereita nin a dereita minguante. España é un país diverso e plural onde convivimos xente moi diversa nas crenzas políticas, relixiosas, étnicas, culturais e sociais. A España Una, Grande e Libre de VOX, e comprada polo PP de Casado, non existe, e a cidadanía así o certificou onte.

A terceira é quizá a mais importante. O pobo español dixo con meridiana claridade que non quere unha sociedade excluínte e tensionada permanentemente por debates xa superados e propios das cavernas casposas do franquismo. O tránsito de Casado-Aznar a ese territorio vai ter consecuencias dramáticas para a dereita clásica española.

A cuarta ensinanza é que o sistema electoral español premia a unidade e castiga severamente a división. O PSOE de Pedro Sánchez obtivo un porcentaxe de votos case idéntico ao que obtivo o PSOE de Rubalcaba aínda que con 13 deputados mais e unha maioría absoluta no Senado. En número de votos o PSOE de Pedro Sánchez tivo sete millóns catrocentos mil mentres o PSOE de Rubalcaba estivo catrocentos mil votos por debaixo, posiblemente pola menor mobilización do electorado daquela que a que houbo este domingo. Estamos pois nun electorado de sete millóns de persoas que se manteñen fieis ao Partido Socialista mentres na dereita pasou todo o contrario. A suma de votantes de PP, Ciudadanos e VOX son, case milimetricamente, os once millóns de votos do PP de Mariano Rajoy pero que onte foron cada un polo seu lado e tirándose os trastos á cabeza. Iso ten consecuencias electorais tremendas no Congreso dos Deputados e catastróficas no Senado polo sistema maioritario desta cámara. O resultado de Rubalcaba foi un mal resultado que o obrigou a dimitir e o resultado de Pedro Sánchez é un resultado extraordinario con practicamente a mesma porcentaxe e número de votos. Está é unha das ensinanzas políticas que nos deixan ás eleccións de onte.

Na esquerda sempre houbo varias forzas competindo electoralmente polo que están mais acostumados a este fenómeno, pero a dereita comezará a transitar por un camiño ignoto para eles. Veremos a onde os conduce e veremos si as costuras do PP aguantan este novo escenario.

A Costa da Morte non foi allea a esta marea de sensatez que trasladou o electorado e, tamén, amosou unha mensaxe clara para quen pensa que este proceso é un primeiro acto das municipais: nunha parte significativa dos municipios o voto que se emitiu onte non coincide ca cor política da alcaldía.

E unha última reflexión. Estarán enganándose a si mesmos moitos alcaldes e alcaldesas se botan as contas municipais en función dos resultados de onte. Por varias razáns. A primeira porque é difícil que haxa un nivel de mobilización semellante en tan pouco espazo de tempo. A segunda é o campo de xogo e os xogadores: na inmensa maioría dos concellos o voto da dereita volverá ao seu espazo natural do PP porque non hai candidaturas nin de VOX nin de Ciudadanos en tódolos concellos, e moitos dos votos prestados a Podemos e a En Marea nas eleccións xerais, volverán tamén ao seu espazo político municipal que maioritariamente está no BNG e, en menor medida, no PSOE.

O pobo ordenou... cúmprase pois o mandato.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

Novas relacionadas

Outros Artigos de Marisol Soneira

Comentarios