Return forever (II)

Como propostas para un novo ano. Fóronse en leituras os días de Nadal. Creo que non conseguín rematar aínda as lecturas propostas. Outros libros é que se cruzaron, para alén do que un vai escrevendo cada día. 

Nun artigo anterior falei do regreso a vellos libros, aos que sempre regreso. O mesmo acontece coas vellas músicas. Noutra colaborazón, aquí, falei de A Witter Shade of Pale. Agora quero falar doutra cantiga que, hai anos, deulle título e inspiración a un meu libro de poemas. Whiskey in the Jar.  

 

Hai temas que nos apreixan como unha trapela furtiva. A min aconteceume con dúas cantigas irlandesas, o Whiskey in the Jar e A fogget dew. A primeira, teño dito, dou título ao meu libro de poemas O Whiskey na Barrica
Concerto en Slane-Castle, hai algo máis de dous anos. Ireland. Gosto da versión de Metallica, tanto como das máis clásicas, de Thin Lizzy ou a dos Dubliners. E os Killdares, con Roberta Rats ao violino, nun longo intro estraño e porén achegado, pois ecoa como o golpe das vagas nas furnas de Valarés. Como se a tocara no areal da nosa infancia.

 

Da outra, A fogget dew, falei no meu último libro, Sisley no xuncal da Trave. Estou a escoitar agora a versión de Alan Stivell e Shane Macgowan. Diferente á de Sidney O¨Connor e os Chiefftains, máis coñecida. E vou escrebendo este artigo aos poucos, liña a liña, mentres escoito diferentes versións deste tema. Imaxino alguén a cantalo nalgures, nos predios onde o vento leva o canto sobre as dunas, sobre as pedras do mar e as vagas. 

Pois cómpre unha cantiga chea de sentido político, de poesía e beleza, para que poida explicar o noso afán. Expresar sobre as cruces de pedra que se erguen nos campos entre a néboa, nas estradas, no desacougo dun luscofusco, nos ceus que se tinxen verdes e dourados nun solpor, a esperanza dun pobo de ser dono da súa historia.   

Esta tarde en que camiño cara ao remate deste escrito sinto que está a chegar a primavera. No alto ceu, dous miñatos érguense en círculos, facendo unha roda escura no azul imenso. E sobre o valado da horta, os paxaros revoan entre as pedras e as roseiras bravas. Os seus breves cantos abren o seu abano de luz. Aínda han vir días de frío e trevón. Horas de desacougo e incerteza, mais agardo abril no sosego dos livros e da música. 

 

 

Novas relacionadas

OUTROS ARTIGOS DE MIGUEL ANXO MATO FONDO