Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Miro Villar
08:52
06/07/17

A Costa da Morte en Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial

A Costa da Morte en Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial
Revista Nova Ardentia 2017 O pasado venres, 30 de xuño, a bordo do barco «Joaquín Vieta» presentouse Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, dentro das xornadas da XIII edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que organizou en Combarro-Poio entre o 29 de xuño e o 2 de xullo a entidade Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial). A revista recolle o relevo de Ardentía, que dirixía o chorado amigo Luís Rei (O Grove, 1960 – Pontevedra, 2015), escritor e bibliotecario en Cambados, a quen se homenaxea en senllos artigos do académico Francisco Fernández Rei e de Emilio Xosé Ínsua que abren esta Nova Ardentía. Ambos e dous fan parte do novo Consello de Redacción que completan o presidente da Federación Manuel Garía Sendón que é de Lira, Xaquín Lores e a portuguesa Ivone Baptista. Nova Ardentía, coma antes o fixera Ardentía, ten entre os seus obxectivos «publicar traballos dentro do seu ámbito temático que teñan unha contrastada calidade e interese, e tentando que parte de cada número estea relacionado coa actualidade do tempo no que se pública. Normalmente publicase de xeito bianual o ano que se celebra o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia». Entre os variados contidos de moito interese que se recollen neste número 9 da Nova Ardentía, pois séguese a numeración da revista dirixida polo finado Luís Rei, non podían faltar varias referencias á cultura mariñeira da Costa da Morte.

De feito, xa no artigo do agora coordinador da revista, o escritor Emilio Xosé Ínsua, intitulado «Luís Rei e a revista Ardentía: Unha experiencia impagábel de divulgación da nosa cultura marítima e fluvial» compendia os contidos dos números anteriores, entre os que a mención da Costa da Morte é constante. Salientamos a reprodución do relato «A mariñeira de Quilmas», de Darío Xohán Cabana, na sección «Letras da Almadraba» do núm. 4; na sección «Entrevista» do núm.1 recóllese un faladoiro con Ramón de Senande ('Moncho da Maestra'), mariñeiro de Lira-Carnota; tamén nese primeiro número o traballo filolóxico de Francisco Fernández Rei «Andisías e rutías: mar de mar e mar de vento na Arousa e na Costa da Morte»; o artigo memorialístico «A motora dos Canedos (a alma dun barco sempre vive)» do muradán Moncho Bouzas (quen fora membro do Batallón Literario da Costa da Morte) ou as instantáneas fotográficas do muxián Ramón Caamaño, alén de todos os traballos do monográfico número 5 cando o IX Encontro se celebrou en Muros, dos que cómpre salientar «Muros e o seu territorio», de Francisco "Chisco" Fernández Naval.

Por parte, nos contidos propios desta Nova Ardentía, a Costa da Morte aparece referenciada por vez primeira na páxina 21 onde a revista rende homenaxe ao poeta e percebeiro Paco Souto (1962 – 2017) coa publicación do seu magnífico poema sen título, adoito coñecido polo seu primeiro verso «A percebeira é unha illa».

Xavier Brisset Martín no seu traballo «Traíñas, xeitos, traiñeiras e tarrafas. A rendabilidade industrial contra a cultura mariñeira» relata o enfrontamento por mor do uso da arte do cerco con xareta entre os mariñeiros da Costa da Morte e as motoras das Rías Baixas e as tarrafas ártabras, pois os primeiros solicitaron a súa prohibición, que foi desestimada no verán de 1916.

Manuel Lara no artigo «A pesca da balea en Galicia» resume a presenza desta actividade nos nosos portos desde antes de 1272, data das primeiras documentacións, e sinala: «E aínda na Baixa Idade Media tamén aparece algún indicio documental da actividade baleeira en torno ao cabo Tosto (pasado Camelle e Arou, e antes do cabo Vilán), os portos de Caión e Malpica non se documentan ata o 1530, e o de Camelle no 1559». As referencias a Malpica e Caión son continuas e xa na derradeira parte do traballo asoman as imaxes e o relato sobre a actividade en Caneliñas (Cee), a quen o autor do artigo considera a primeira factoría baleeira moderna. Relata aquela primeira época, con oitenta traballadores, o posterior peche de 1927 e a recuperación por Industria Ballenera S. A. (IBSA) en 1946 até o peche definitivo en 1985, grazas a moratoria aprobada en 1982 pola Comisión Baleeira Internacional.

A Costa da Morte tamén está moi presente no artigo de Santiago Llovo Taboada «As salgaduras de Portocubelo», na parroquia de Santa María de Lira, nas que o investigador salienta que «cómpre advertir un particular feito diferencial destas salgaduras de Portocubelo respecto á práctica totalidade das que daquela existían na beiramar galega: das catro, as tres primeiras foron construídas por veciños da parroquia. A derradeira foi a única levantada por un catalán». Unha documentación exhaustiva que se acompaña de imaxes áereas e tamén das actuais ruínas dos edificios daquelas salgaduras.

Finalmente na sección «Sino de proa», que elabora o coordinador da revista Emilio Xosé Insúa e na que se dá conta da publicación de libros relacionados coa cultura mariñeira, hai unha recensión do volume de relatos Moraime, pequena vila con mar (Positivas, 2015), do muxián X. H. Rivadulla Corcón e outra da novela de Xerardo Quintiá O viaxeiro radical (Galaxia, 2015), baseada na biografía de Man de Camelle.

Benvida pois esta Nova Ardentía (que continúa a navegación da Ardentía dirixida por Luís Rei) para as persoas que amamos o mar e todo o seu inmenso patrimonio marítimo e fluvial e tamén para aqueloutras que queiran achegarse ao seu coñecemento en calquera das súas múltiples expresións.

 
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios