Castelao, Chateaubriand e a cidade corsaria de Sant-Maloù
Realizamos dúas viaxes por terras da baixa Bretaña (en 2007) e da alta Bretaña e Normandía (en 2012) co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom). Un dos poucos lugares comúns nestas dúas estadía foi a cidade corsaria de Sant-Maloù (en bretón, coñecida como Saint-Malo en francés e como Saent-Malo en galo).
Da primeira estadía nesa cidade amurullada naceron cinco dos haikus do meu poemario Breizh (Toxosoutos, 2012). Le Nautilus, un fermoso e pequeneiro establecemento de hospedaxe con motivos mariños, a Maison des Poètes e des Écrivains, a propia configuración da cidade, a memoria do escritor François-René de Chateaubriand, nativo da mesma, e a biografía do corsario maluíno Robert Surcouf inspiraron estes textos, que reproduzo acompañados dunha fotografía feita neste última viaxe na que estou acarón da tumba de Chateaubriand. Como anécdota direi que esta imaxe custounos unha boa molladura a Mar e a min, pois resulta que está no illote de Grand-Bé, ao que se accede por unha pasarela en marea baixa. A maré estaba a subir cando chegamos e non tivemos de conta os avisos de que nesta zona as mareas soben case a galopar, polo que no momento de baixarmos a pasarela xa case desaparecera e mollamos até máis arriba dos xeonllos. Mais como di o refrán galego: Non se pillan troitas coas pernas enxoitas. É o que ten sucumbir ás mitomanías, do fundador do romantismo francés, autor das Memorias de Ultratumba e outros textos (sobre todo poéticos) que lle teño lido, por máis que fose persoa moi, moi conservadora, contrario ás conquistas sociais da Revolución Francesa. Mais tamén foi moi conservador (até filofranquista) o ourensán Vicente Risco e ben que che gozamos moito da súa lectura.
Castelao tamén era devoto da obra de Chateaubriand. A recente biografía Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, da autoría de Miguel Anxo Seixas Seoane (Vigo: Galaxia, 2019, 1332 páxinas), xunta unha inconmensurable erudición e a paixón dunha entrega a un inxente labor de "andar ás crebas" durante vinte anos. Unha angueira así, sintetizar a vida e a obra dun persoeiro da dimensión de Castelao, obriga a que o biógrafo tivese que facer sucesivas reformulacións para poñer orde e concerto na enorme cantidade de documentación, primeiro para lla entregar á Fundación Castelao, da que é vicepresidente, e logo para envorcar todo ese coñecemento nunha magna Tese de Doutoramento, á que precederan outras obras sobre o rianxeiro como Castelao pintor (Galaxia, 2006) ou artigos nas colectivas Para ler a Castelao (2000) e Galicia, o sorriso de Daniel (2004) ou comisariando exposicións como a recente Castelao maxistral.
Alén da súa relación co corcubionés Plácido Castro del Río e co escritor muxián Gonzalo López Abente (para quen fixo a portada de O diputado por Veiramar, 1919), de moito interese para nós,
neste primeiro tomo Seixas relata de xeito pormenorizado a viaxe de Castelao a Bretaña en 1929, da que sairía a súa obra As cruces de pedra na Bretaña, e tamén bota man dos textos do propio autor rianxeiro, como o discurso "O galeguismo no arte", proferido o 25 de xullo de 1930 no Teatro García Barbón de Vigo, onde os galeguistas celebraron o Día da Patria. Agradecémoslle moito a Miguel Anxo Seixas que nos achegase uns fragmentos significativos desa peza oratoria de Castelao, con referencias a Chateaubriand e á fisterra bretoa Beg ar Raz (en francés Pointe du Raz), publicados no capítulo Castelao. (IX. 1928-1930), páxinas 1262-1263.
Miñas donas e meus señores:
A nosa tradición artística durmía o sono da morte, co coitelo da traición espetado no peito, e as arañas arrepiantes do esquecimento fiánballe, solermiñas, a tea da súa mortaxa. Mais algunhas almas boas do século derradeiro deron co sar- tego da nosa tradición e fixérona revivir. Con todo quedába- nos a nós, ós novecentistas, a misión de animar un arte que fose a eispresión do sentido da vida galega e das ideas do noso tempo. [...] Fai por este tempo un ano atopeime unha tarde no Gran Bey de Saint-Malo, onde Chateaubriand durme o seu sono derradeiro ó xeito dos antigos druídas. Leváballe lembranzas dos románticos galegos, de Otero Pedrayo, de Lousada Diegues... Alí queixeime de que se quixese soterra- lo romanticismo, e xuraría que o espírito de Chateaubriand quixo consolarme.
Senteime ó pé da súa campa, chantei os ollos nas lonxa- nías do mar do poente i escoitei: “Ti estiveches en Fisterre, na punta do Raz, onde o Atlántico bate feramente. Pois ben; cando durme o mar todos son ollos para ademira-la forma dos rochedos; cando o mar desperta todos son ollos para ademira-la súa forza. Certo é que o mar necesita dos cons para non morrer parvamente nun areal; pero cómpre non es- quecer que de cada loita que o mar sostén coa pedra, xurden os rochedos cunha nova forma. Eis o arte. O arte é un gran corazón, que para latexar e conta-lo tempo que pasa, nece- sita dúas forzas contrarias: cando a un corazón se lle corta o nervio frénico, o corazón tolea; cando se lle corta o nervio simpático, o corazón quédase. Estas dúas forzas eisistiron i eisistirán sempre no arte, e nun intre determiñado da historia puderon chamarse romanticismo e clasicismo. Palabras... ¿sa- bes? O certo é que o romanticismo representa o predomiño da forza simpática do arte. Que o enterren, se é que poden. Ti non lles digas nada; mais eu dígoche que o que enterran non é un cadavre, que é unha semente”. (Aprausos.)
E, finalmente como coda, velaquí os catro haikus ou haikai que me inspirou esta cidade corsaria:
SANT-MALOÙ (I)
Sen escafandros
Le Nautilus, o soño
de sermos peixes.
SANT-MALOÙ (II)
Fan arañeiras
na maison dos poetas
os versos tristes.
SANT-MALOÙ (III)
Ao pé dos tómbolos
dormen os sedimentos
da alba alegría.
SANT-MALOÙ (IV)
Calmo solpor,
Mémoires d’Outre-tombe
de Chateaubriand.
ROBERT SURCOUF
La Confiance enche
de pólvora corsaria
a dor e a perda.
- Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
Outros artigos de Miro Villar en QPC
- No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente.
- Unha lectura da guía "O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira", do SEMESCOM.
- O mecenado como mostra de amor á Terra: “Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal”, de Xosé María Rei Lema.
- A depuración do maxisterio da Costa da Morte polas autoridades franquistas.
- As Illas Lobeiras en dous proxectos musicais da Costa da Morte.
- O Monte Corpiño, de Muxía, nun poema de Filomena Dato Muruais datado en 1894.