Corpos en vixilancia: cando o “autocoidado” é outra forma de control

Coa chegada da primavera hai algo que tamén volve.

Non é novo, pero cada ano aparece cun nome distinto, cunha estética máis coidada, cun discurso máis amable. No 2025/2026 rebautizouse nas redes como summer glow up. Unha tendencia que, baixo a aparencia de motivación e autocoidado, recupera unha idea moi coñecida: o corpo das mulleres sempre necesita ser mellorado.

Máis delgado. Máis firme. Máis novo. Máis perfecto.

É a mesma lóxica de sempre, pero adaptada aos códigos actuais. A antiga “operación bikini”, convertida en reto viral, en contido aspiracional, en algoritmo e reformulada para encaixar nunha cultura dixital que amplifica, acelera e normaliza a presión estética.

A presión estética nunca desapareceu. Adaptouse.

Se durante anos parecía que avanzabamos cara a unha maior aceptación corporal, hoxe vemos como regresan con forza modelos de delgadez extrema que lembran a outros momentos, como o heroin chic dos anos noventa. Pero cunha diferenza clave: agora non se presentan como estética, senón como saúde, disciplina ou benestar.

E aí está a trampa.

Porque o que antes era unha imposición máis evidente, hoxe aparece disfrazado de elección persoal. De autocoidado. De responsabilidade individual.

Pero detrás desta narrativa segue operando o de sempre, un sistema que constrúe un ideal corporal inalcanzable e que sitúa ás mulleres nunha relación permanente de insatisfacción co seu propio corpo.

Redes sociais: o escaparate e o amplificador

As redes sociais xogan aquí un papel central. Non crean esta presión, pero multiplícana.

Segundo datos do Instituto de las Mujeres, o 97 % das mozas utiliza redes sociais, onde predominan representacións de corpos delgados, normativos e altamente estandarizados. Máis da metade afirma sentir presión por parecerse a eses corpos.

E esta presión non é inocua.

Esta exposición constante non só constrúe un ideal. Tamén establece unha comparación permanente. Unha mirada cara ao propio corpo atravesada pola esixencia, pola culpa e pola sensación de non ser suficiente.

Baixo etiquetas aparentemente inofensivas, multiplícanse contidos que promoven dietas restritivas, control extremo da alimentación ou rutinas obsesivas. Todo envolto nunha estética coidada, cun ton motivacional e cunha linguaxe que fala de superación.

Esta presión comeza cada vez máis cedo, afectando a nenas e adolescentes nun momento especialmente vulnerable da construción da identidade. A exposición constante a estes modelos contribúe á insatisfacción corporal, á ansiedade e ao illamento social, e está directamente relacionada co aumento dos trastornos da conduta alimentaria.

En España, estímase que arredor de 300.000 mozas entre 12 e 24 anos sofren algún TCA, sendo a gran maioría mulleres.

Non estamos ante casos illados. Estamos ante un patrón.

Cando a estética se converte en violencia

Porque esta presión non é só estética. É estrutural.

Funciona como unha forma de violencia simbólica que condiciona o tempo, a enerxía e a relación das mulleres co seu propio corpo ao longo de toda a vida. Desde a adolescencia, coa esixencia de encaixar, ata a idade adulta, coa presión por manter, corrixir ou atrasar o paso do tempo.

A socióloga Esther Pineda fala desta realidade como violencia estética no seu libro Bellas para morir: Estereotipos de género y violencia estética contra la mujer fala dunha forma de control que non precisa impoñerse de maneira explícita porque opera desde o desexo, desde a comparación e desde a idea de que o corpo sempre pode —e debe— mellorarse.

Unha maneira de garantir que as mulleres permanezan ocupadas, preocupadas e condicionadas polo seu aspecto.

Porque mentres o corpo é un problema, todo o demais queda en segundo plano.

Un dos argumentos máis repetidos é que cada muller é libre de decidir.

E é certo.

Pero tamén é certo que as decisións non se toman no baleiro. Tómanse nun contexto cultural, económico e social que condiciona o que desexamos, o que valoramos e o que consideramos aceptable.

 

E así, mentres pensamos que decidimos libremente, o que facemos é responder a un mandato.

Por iso o problema non está nas decisións individuais. Está no contexto que as produce. Está en entender por que tantas mulleres sentimos a necesidade de cambiar o noso corpo para encaixar.

Nun sistema no que a industria estética, a publicidade, o ámbito sanitario e as redes sociais converxen para reforzar unha mesma mensaxe: o corpo das mulleres nunca é suficiente tal e como é.

Un sistema que, ademais, se adapta, se reinventa e atopa novas formas de lexitimarse. Hoxe faino a través do discurso do benestar, da saúde e da optimización do corpo. Pero o resultado é o mesmo: corpos en vixilancia constante, mulleres en permanente autoavaliación e unha relación co corpo atravesada pola esixencia e a insatisfacción.

Mirar o corpo desde outro lugar

Cuestionar esta realidade non significa renunciar ao coidado.

Significa redefinilo.

Significa preguntarnos que entendemos por coidarnos.

Se é coidado todo aquilo que nos achega benestar… ou tamén aquilo que nos esixe, nos limita e nos fai sentir insuficientes.

Significa deixar de asociar automaticamente delgadez con saúde.

Significa deixar de asociar delgadez con éxito, control e valía.
Significa recoñecer a diversidade corporal como unha realidade, non como unha excepción.
E significa, sobre todo, desprazar o foco.

Porque ao final, a pregunta non é que están facendo as mulleres cos seus corpos.

A pregunta é que está facendo a sociedade e o sistema cos corpos das mulleres.

 

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.

 

Máis contidos no Podcast Todas Nós

 

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero