Os coidados no centro. De que?
Hai unha escena que se repite tanto que xa case nin a vemos. Un salón cun andador aparcado ao lado do sofá, a tele de fondo, unha pota ao lume, un móbil que vibra enriba da mesa. E no medio, unha muller que fai equilibrios imposibles entre dar a medicación á nai ou o pai, atender unha videochamada do traballo, responder unha mensaxe do colexio e pensar que vai facer de cea. Todo iso ao mesmo tempo. Todo iso, como se fose o máis normal do mundo.
O curioso é que, cando falamos de economía, produtividade ou emprego, esta escena non aparece en ningunha gráfica. Non está nas roldas de prensa nin nos titulares sobre crecemento. Pero sen esa muller, sen eses coidados invisibles, nada do demais se sostén. Isto é o que a economía feminista leva anos repetindo: hai unha infraestrutura oculta —a dos coidados— sobre a que se apoia todo o edificio social e económico, e que ao mesmo tempo é sistematicamente infravalorada e precarizada.
A economista sueca Katrine Marçal pregúntase no seu libro, Quen lle facía a cea a Adam Smith? que pasaría se, ao lado dos grandes pais da economía, aparecese sempre a figura da muller que facía a comida, fregaba os pratos, lavaba a roupa e coidaba aos fillo/as mentres eles “pensaban o mercado”? Esa escena doméstica, tan pouco épica, é a que desaparece dos libros de texto e das contas públicas, pero é a que permite que alguén se dedique exclusivamente a ser “produtivo”. O truco do capitalismo foi converter esa dependencia en invisible.
A infraestrutura invisible
A economía feminista —e pensadoras como Nancy Fraser coa súa análise da crise da reprodución social— leva anos poñendo nome a este desaxuste: un capitalismo que precisa cada vez máis dispoñibilidade e tempo entregado ao mercado, pero que se nega a recoñecer como traballo central todo o que sostén a vida fóra del. Cando as mulleres entraron masivamente no mercado laboral, os homes non entraron co mesmo ímpeto nas cociñas, nos cuartos das crianzas, nas salas de espera dos hospitais. E o Estado tampouco cubriu ese oco con políticas públicas á altura.
O resultado é coñecido: pedímoslles ás mulleres o imposible. Que sigan asumindo o traballo de coidados como se estivesen na casa a tempo completo e, ademais, que sexan traballadoras exemplares.
Cando esa carga xa non cabe só na familia, cando se fai evidente que non chegamos, aparece o sector profesional dos coidados. Pero ese sector non nace nun espazo neutro nin igualitario. Nace marcado pola súa historia: coidar foi durante séculos cousa de mulleres, cousa da casa, cousa de afectos. Considerouse unha extensión do que se supón que as mulleres fan "por natureza". E cando algo se percibe como natural, tamén se percibe como barato, substituíble, prescindible.
Por iso non é casual que quen sostén estes sectores sexan maioritariamente mulleres, e cada vez máis, mulleres migrantes que coidan aquí mentres as súas propias familias quedan ao outro lado do océano. Esta superposición de desigualdades —ser muller, ser migrante, traballar nos coidados— non é un accidente do mercado: é estrutural. O sistema non funciona a pesar desta precariedade, funciona grazas a ela.
Onde está o Estado?
Aquí é onde a pregunta se volve incómoda para as administracións públicas. A precariedade do sector dos coidados non é só resultado das lóxicas do mercado. É tamén, e moi especialmente, o resultado dunha vontade política insuficiente, sostida no tempo.
Falta de políticas públicas que aborden os coidados como un dereito universal e non como un servizo residual para quen non pode pagalo. Falta de inversión en servizos públicos de calidade que permitan que coidar non dependa exclusivamente da capacidade económica das familias nin da dispoñibilidade das mulleres.
E falta, tamén, de regulación e vixilancia real sobre un sector que medra sen as garantías suficientes. En España, preto do 87% das prazas residenciais están xestionadas polo sector privado, e en apenas dúas décadas decenas de residencias foron adquiridas por fondos de investimento. En Galicia, este proceso tamén chegou: centros que eran de titularidade pública pasaron a mans privadas e de grandes operadoras de capital financeiro. Diversos organismos europeos levan anos advertindo que esta privatización intensa adoita ir acompañada de recortes de persoal e deterioro da atención, mentres os gobernos non establecen estándares mínimos de calidade nin de condicións laborais.
E neste contexto son maioritariamente as mulleres quenes sosteñen este sector, e as súas condicións laborais teñen moita marxe de mellora: salarios baixos, xornadas intensas e longas, falta de regulación efectiva e coberturas de seguridade social insuficientes. Condicións que contrastan duramente coa esencialidade do traballo que realizan.
Pero a responsabilidade pública vai máis alá da regulación. O primeiro paso real cara a un cambio é o recoñecemento social dos coidados: non como un xesto simbólico, senón como un compromiso político que se traduce en medidas concretas. Os coidados son unha necesidade fundamental para o benestar das persoas e un dereito humano esencial. Mentres a cidadanía non os perciba así —e mentres as institucións non lideren esa narrativa con feitos e non só con discursos— seguiremos a naturalizar o inxusto.
Nesta liña, a Rede de Economía Alternativa e Solidaria (REAS) recolleu en 2023 un conxunto de propostas clave, elaboradas dende a Economía Social e Solidaria, para transformar o modelo actual e construír un sistema máis xusto e equitativo. Propostas que van dende o recoñecemento social ata o fortalecemento dun sistema público-comunitario robusto, e que destacan algo que debería ser obvio: que os coidados non son un mercado, son un ben común.
E iso require abrir un debate profundo e participativo sobre o modelo de coidados que queremos construír. Un debate que non pode facerse só entre persoas técnicas e políticas, senón que debe incluír a quen recibe os coidados, a quen os presta —as traballadoras do sector, tantas veces ausentes das mesas de decisión—, e ao conxunto da sociedade. Só desde un enfoque centrado nas persoas e nas súas necesidades reais poderemos avanzar cara a un sistema de atención verdadeiramente inclusivo, equitativo e sostible.
A infravaloración dos coidados non é só unha inxustiza abstracta. Ten un impacto moi concreto e moi desigual na vida das mulleres, a todos os niveis: económico, social, emocional e de saúde. Pensións máis baixas, carreiras interrompidas, esgotamento crónico, illamento, culpa instalada como estado permanente. Normalizar todo iso —asumilo como se fose o prezo de ser muller— é unha decisión política, aínda que se disfrace de costume. Porque o que está detrás non é unha cuestión de carácter nin de elección individual: é un sistema que descansa sobre o traballo non remunerado ou mal remunerado das mulleres e que, mentres non se lle esixan contas, seguirá funcionando exactamente igual.
Os coidados no centro de que? A alternativa existe
Escoitamos moito que os coidados deben estar "no centro". Pero, no centro de que, exactamente? Do discurso político, do orzamento público, da regulación laboral, da corresponsabilidade real entre homes e mulleres, entre familias e Estado?
Poñer os coidados no centro non é unha metáfora. É unha decisión de onde van os cartos, quen ten dereitos, como se organiza o tempo social e quen asume a responsabilidade colectiva de soster a vida. Falar de coidados é falar de modelo de sociedade: decidir se seguimos concibindo o coidado como un apéndice privado da economía, ou se asumimos dunha vez que todo o demais depende del.
A alternativa existe e sabemos como é: investimento público real en servizos universais e de calidade, regulación laboral digna e efectiva para as traballadoras do sector, equiparación de dereitos con calquera outro traballo esencial, e fiscalización real das condicións en que se prestan os coidados profesionais. Desprivatización. Corresponsabilidade real entre persoas, familias e Estado. E a decisión política de poñer a sostibilidade da vida por riba da rendibilidade do mercado.
Socializar os coidados non é un luxo progresista. É a condición básica para que a igualdade non sexa só un titular.
Quizais o primeiro paso sexa mirar con outros ollos esa escena inicial: o salón, o andador, a pota ao lume, o móbil que vibra, a muller que se multiplica. E preguntarnos que pasaría se, en vez de asumir que "xa se arranxará como sempre", decidísemos que aí hai un conflito social e político, non unha simple cuestión de organización doméstica.
Que pasaría se, en vez de agradecerlle en silencio, puxésemos enriba da mesa que sen ela —sen todas elas— este sistema non funciona.
Mentres esa pregunta non teña respostas concretas —en políticas, en orzamentos, en regulación, en cultura—, o centro seguirá sendo un lugar bonito no que ninguén vive.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.
Máis contidos no Podcast Todas Nós
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- Cando a nostalxia intencionada intenta reescribir a historia
- A arquitectura da impunidade
- Cando o dixital deixa de ser un lugar seguro
- Deepfakes, control e silencio: a violencia que busca expulsarnos
- 2026: chamar ás cousas polo seu nome
- 2025: vivir sendo muller nun tempo de retrocesos e ruído
- O Nadal tamén cansa.
- Non é desexo, é poder.
- “O xogo onde todo comeza”
- Violencias machistas: nomear a verdade nun tempo complexo
- Emprender sendo muller: realidade, non relato
- “A trampa da liberdade”
- “Pubertat”: unha serie necesaria para mirar(nos)
- Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.