Se todo empodera, nada empodera

Hai palabras que, de tanto repetilas, acaban por perder forza. “Empoderamento” é unha delas. Para o artigo de hoxe, quixen traer unha reflexión que xa fixera no capítulo 32 do Podcast Todas Nós: se todo empodera, nada empodera. Porque cando unha palabra serve ao mesmo tempo para nomear un proceso político e para vender un produto, algo se despraza polo camiño.

 

Hoxe todo parece empoderar: unha roupa, unha crema, un pintalabios, un curso, unha frase inspiradora, unha rutina de coidado, un reto en redes. E non se trata de demonizar nada diso. Non hai problema en sentirse ben con aquilo que escollemos para nós. O problema aparece cando se nos convence de que aí reside o valor, a liberdade ou o poder. Cando o empoderamento deixa de ser un proceso e convértese nunha estética. Nunha pose. Nunha mercadoría máis.

Para entendelo mellor, necesitamos volver a orixe, o lugar onde a palabra naceu e o que pretendía. O empoderamento comezou a empregarse nos anos 70 e 80 ligado aos movementos feministas e ás organizacións internacionais, especialmente ás Nacións Unidas, para falar dunha idea moi concreta: as mulleres precisaban poder real para transformar as súas vidas e as estruturas que as limitaban. Falamos de acceso a recursos, educación, independencia económica, capacidade de decisión e participación política. É dicir: ferramentas efectivas para deixar de estar subordinadas.

A gran Marcela Lagarde formulouno con moita claridade ao explicar que “empoderarse é deixar de ser obxecto e converterse en suxeito da propia vida”. Esa é a chave. O empoderamento, no sentido feminista, non consiste en parecer máis fortes, senón en ter máis poder para decidir, para nomear, para actuar e para transformar. E iso non se compra. Constrúese. Co tempo, coa conciencia, coa experiencia e tamén coa organización colectiva.

O problema é que o mercado entendeu moi rápido o potencial da palabra. E, como adoita facer, baleirouna de contido para convertela en produto. O patriarcado segue pedíndonos que sexamos agradables, eficaces, fermosas, seguras e sempre mellorables; o capitalismo, pola súa banda, preséntanos a solución en forma de consumo. Así, o empoderamento pasa a ser algo que se merca: unha imaxe, unha estética, unha forma de presentarse ao mundo que dá sensación de poder sen tocar o fondo das cousas. E iso é moi útil para o sistema, porque nos mantén ocupadas en parecernos poderosas mentres o poder real segue repartido de maneira profundamente desigual.

Os datos lembran que aquí non falamos só de símbolos, senón de condicións materiais de vida. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, as mulleres seguen tendo unha maior presenza no traballo a tempo parcial o que adoita ir ligado a carreiras máis fragmentadas e a menos autonomía. E segundo, ONU Mulleres, elas dedican máis do dobre de tempo ca os homes ao traballo doméstico.  Esa realidade deixa ao descuberto unha contradición central: mentres a desigualdade segue sostendo a vida cotiá, o mercado se aproveita desa realidade para vender empoderamento como consumo, non como transformación.

Por iso é tan importante non confundir autoestima con aparencia, nin liberdade con consumo, nin benestar con cumprimento. Moitas mulleres recoñeceranse nesta tensión: a de querer sentirse ben, seguras, guapas ou fortes, e á vez sospeitar que hai algo máis detrás desa necesidade constante de mellorar. Cando unha cultura nos ensina a mirarnos desde fóra, é fácil acabar pensando que o problema está en nós, no noso corpo, na nosa roupa, no noso carácter, na nosa organización. E esa é unha operación moi eficaz: despraza a atención do estrutural ao individual.

Gloria Steinem dicía que “o empoderamento non consiste en parecer perfectas, senón en ter poder sobre a propia vida”. E aí volve aparecer a diferenza que importa: o empoderamento real non é unha esixencia máis, non é outra tarefa pendente, non é unha forma elegante de dicir “tes que poder con todo”. Ao contrario: é unha maneira de empezar a soltar. Soltar a culpa. Soltar a necesidade permanente de aprobación. Soltar a idea de que só valemos cando encaixamos nun ideal imposible.

Tamén por iso o termo ten unha dimensión colectiva tan importante. Unha muller pode facer un percorrido persoal de empoderamento, claro que si. Pode gañar voz, límites, autonomía, conciencia. Pero o feminismo soubo sempre que esa transformación só se completa cando se converte en experiencia compartida. Porque as conquistas individuais importan, pero non cambian por si soas as regras do xogo. E porque ningunha muller se empodera de verdade nun contexto que segue premiando a obediencia, a culpa e a autoexixencia.

Quizais o máis honesto neste debate sexa aceptar a súa complexidade. Non hai unha receita para empoderarse, nin un obxecto que o resolva, nin unha estética que o certifique. Hai procesos. Hai contradicións. Hai momentos nos que unha sente que recupera espazo e outros nos que volve dubidar de todo. E iso tamén forma parte do camiño. O que non convén é deixar que unha palabra nacida para nomear autonomía, conciencia e transformación remate convertida nun slogan máis.

E por iso esta reflexión do Podcast Todas Nós me parecía importante traela aquí. Porque “se todo empodera, nada empodera” non é só unha frase provocadora: é unha advertencia. A de non chamar empoderamento a calquera cousa que nos faga sentir ben un intre, se ao final non cuestiona nada. A de non deixar que unha das palabras máis potentes do feminismo remate reducida a unha etiqueta máis de consumo. E a de lembrar que empoderarse non é parecer libre: é comezar a selo.

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.

 

Máis contidos no Podcast Todas Nós

 

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero