Xoves. 28.05.2020
El tiempo
Xosé Manuel Barros
22:01
27/04/20

O arrecendo da lixivia

Exif_JPEG_420
Exif_JPEG_420
O arrecendo da lixivia
O anaco de mar que teño diante da miña casa en Camelle, amence a miúdo cuberto con parches de brétema branca. Ocorre así dende o comezo da pandemia. Estas nubes baixas semellan máscaras que o mar se teña axenciado para evitar calquera contacto connosco mais, nesta altura, é inútil o seu esforzo.

Hai moitos anos que temos infectado o mar con toda sorte de contaminantes e polas súas feridas abertas, supura arreo detritos plásticos. En cada marea, mesturados co argazo, fainos unha nova entrega que, sen mans que os apañen, volven de novo ás augas.

En contraste, as rúas están limpas. Por primeira vez, non vexo no chan nin cabichas, nin papeis, nin plásticos, nin cagadas de can. O aire arrecende a lixivia, a limpeza, a saneamento, todo está ben arranxado. É un arrecendo que reconforta nesta primavera estraña. É unha das leccións que temos que tirar desta pandemia. A necesidade de manter limpo e saneado o territorio que compartimos para combatir toda sorte de virus ao tempo que, desta maneira, mellóranse o respeto mutuo e a convivencia.

Temos que superar canto antes este tempo escuro. É dramático ter que ocultar a cara para sair á rúa como se fóramos foraxidos. Por medo ao contaxio e morte, xa non podemos saudar aos veciños co aceno dun sorriso.

Nestas datas de confinamento podemos ler estudos e informes de científicos que xa hai tempo viñan alertando da conexións entre as enfermidades infecciosas emerxentes, a degradación ambiental e o cambio climático. É outra das leccións que podemos tirar desta pandemia. Temos que sacudirnos a contaminación mental coa que nos ten intoxicado o sistema coa súa ferramente do consumo obsesivo que, como comprobamos agora, é totalmente banal e prescindible. Compre romper co desleixo e individualismo que nos teñen inxectado en vea e asumir o rol de cidadáns de a pé, críticos e responsables.

Calquera agresión que sufra a natureza tanto na nosa contorna como a nivel planetario é cousa nosa. Calquera falcatruada que o capitalismo depredador leve adiante arrasando a selva do Amazonas, abrindo buracos no corazón de África ou descargando millóns de toneladas de augas fecais no medio dos océanos, é cousa nosa. Máis cedo que tarde sufriremos as consecuencias. Estámolo comprobando nesta traxedia global. Se non reaccionamos, qué mundo ímoslles deixar aos nosos pequenos ? Só inseguridade, ameazas e medos.

Cando remate o estado de alerta e podamos volver ás praias, en Mar de Fábula seguiremos a poñer o noso grao de area, seguiremos a facer como aquel colibrí que carrexaba auga no pico para apagar o grande incendio na selva, seguiremos limpando o mar.

 

Artigos de opinión sobre o coronavirus

Artigos de Xosé Manuel Barros

comentarios